TRANSPORTES

Os consorcios de transporte, a debate nunhas xornadas técnicas

11/06/2008 O Concello e a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA), organizan as III Xornadas Técnicas sobre o Transporte Metropolitano. Celébranse os días 12 e 13 de xuño baixo o lema "Os consorcios de transporte, o novo escenario".

O programa, presentado polo concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, inclúe a intervención de diversos especialistas e cargos de responsabilidade neste ámbito. Abordarán o transporte metropolitano en distintos ámbitos: o transporte metropolitano como unha nova realidade, a posta en común dos distintos puntos de vista das administracións locais, autonómicas e os operadores; o estudo dos distintos consorcios que xa funcionan no resto da xeografía española ou as melloras tecnolóxicas. Neste aspecto, Nieves destacou que "o consorcio de Santiago é un dos pioneiros en España e o primeiro de Galicia en porse en marcha".

Nestas xornadas participarán máis de 80 persoas, que representan a todos os implicados no sector do transporte de Galicia. Ademais, participan técnicos das administracións locais e autonómica, representantes políticos das dúas administracións, operadores de transporte urbano e de liñas regulares, empresas consultoras, etc.

As Xornadas, que se desenvolverán no hotel NH Obradoiro, serán inauguradas polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e clausuradas pola directora xeral de Transportes da Xunta, Mar Chao.

Compartir: