MERCADOS

O xoves 12 non haberá mercado en Salgueiriños

10/06/2008 Con motivo das tarefas de repintado da nova ubicación do mercado de Salgueiriños, o xoves 12 de xuño non se celebrará esta feira. Para o xoves 19, os 243 postos do mercado xa funcionarán normalmente no seu novo destino, na explanada contigua dedicada a aparcadoiro de autobuses.

O concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, anunciou esta medida, motivada pola falta de tempo para ter listo o novo recinto debido ás inclemencias meteorolóxicas. Segundo indicou, xa se falou cos colectivos afectados por esta suspensión temporal, ao igual que se está a falar con eles cara á reubicación dos postos no novo espazo.

Nieves recordou que o lugar que ata agora ocupaba o mercado e de titularidade da Xunta foi solicitado por este organismo para as súas dependencias e, ademais, será parte da conexión de Salgueiriños co camiño dos Vilares que executará o Concello. E como o espazo actual estaba ocupado polos autobuses desaloxados para pintar a nova ubicación, non houbo tempo para ter lista esta para o xoves 12.

Da nova ubicación, o concelleiro destacou que é moito más ampla. "Isto vai permitir aproveitar máis o espazo, con corredores e postos máis amplos, que o fará máis cómodo para comerciantes e compradores", apuntou.

Compartir: