EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Verán abre as súas portas por sétima vez

10/06/2008 Unha vez que remate o curso escolar, o Concello volve a poñer en marcha a Escola Municipal de Verán, do 23 ao 27 de xuño e do 1 ao 5 de setembro. As familias poden así dispor dunha oferta educativa e de lecer nestas datas, que ademais rendibiliza os equipamentos escolares.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou a oferta desta Escola, que ofrece un espazo de encontro e de lecer para os rapaces e rapazas, cunha oferta pensada especialmente para este tempo de vacacións. Distintos xogos e actividades didácticas permitirán potenciar a sensibilidade artística dos máis novos e que estes descubran as posibilidades da cidade.

A proposta inclúe diversos obradoiros de educación ambiental, traballo con barro, divertidas clases de cociña e actividades de artes plásticas como a pintura ou o debuxo, entre outras. Esta oferta compleméntase con itinerarios pola cidade, con grandes xogos e actividades deportivas e con outros xogos populares e tradicionais.

Poden participar na Escola Municipal de Verán nenos entre os 6 e os 12 anos. Os de cinco anos poderán participar sempre e cando un irmán/á estea inscrito e asista tamén. Ademais, no CEIP das Fontiñas habilitarase un espazo adaptado para os nenos e nenas de 3 a 5 anos. O impreso de inscrición deberá entregarse nas recepcións dos propios centros escolares.

As actividades desenvolveranse entre as 9:30 es 13:30 horas nos centros Quiroga Palacios, Fontiñas, Pío XII e Colexiata do Sar. Os monitores pertencen a Centro Don Bosco, Asociación Xuvenil da Cruz Vermella, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e Fundación Fesán. Prevese a participación duns 2.500 rapaces, cifra semellante á da edición do verán de 2007.

Compartir: