XUNTA DE GOBERNO

Melloras no carril de servizo entre a rotonda da avenida de Lugo e o acceso a Fontiñas

09/06/2008 O Goberno local adxudicou as obras de ampliación do acondicionamento do carril de servizo na N-550 (PK-61.995 a PK-62.940). Trátase do carril que transcorre entre a rotonda da avenida de Lugo e o acceso a Fontiñas dende o Periférico.

O Concello investirá 22.338 euros nestas obras, que suporán a renovación do pavimento da beirarrúa e a substitución da varanda de protección no talude para seguridade peonil. Completarase a actuación coa adaptación dos servizos existentes e coa sinalización viaria.

Obras de saneamento
Tamén en materia de obras, adxudicáronse as de ampliación da rede de saneamento na rúa Camiño dos Vilares. A actuación inclúe novas canalizacións ,enterradas en gabia e a posterior reposición do pavimento que resulte afectado. O custo é de 13.500 euros.

Noutras obras, nas da conca do Aríns, e atendendo ás resolucións do Xurado de Expropiación de Galicia, acordouse o pago aos propietarios afectados polas obras de saneamento da conca do río Aríns. En total, satisfarase unha cantidade de 66.093 euros aos propietarios de seis parcelas.

Semáforos e conservación dos campos de fútbol
A Xunta de Goberno procedeu ademais a adxudicar o subministro e instalación de semáforos nas avenidas de Castelao-Brugo e na rúa Ulpiano Villanueva, por importe de 16.722 euros.

Finalmente, determinouse que a empresa Cespa levará o mantemento e conservación dos campos de fútbol de San Lázaro I e III ata que se convence un novo procedemento de licitación e por un máximo de cinco meses. O importe desta contratación supón unha contía mensual de 3.977 euros. O importe polo período máximo de cinco meses sería de 19.887 euros.

Compartir: