ALCALDÍA

O goberno municipal reordena as súas competencias

02/09/2005 Na habitual rolda de prensa dos venres do alcalde de Santiago Xosé A. Sánchez Bugallo anunciou os cambios no equipo de Goberno e falou de que na semana próxima quedarán pechadas as datas para manter reunións co Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e cos novos Conselleiros.

Sánchez Bugallo fixo públicos os cambios que sufrirá o executivo municipal debido ás obrigacións que algúns dos seus membros asumiron como parlamentarios autonómicos. Anunciou que esta reordenación de competencias responde tamén á centralización da toma de decisións permitindo que algúns temas sexan resoltos de forma máis áxil. En consecuencia, Bernardino Rama, Concelleiro de Infraestruturas, Equipamentos e Servizos básicos (auga, saneamento e alumeados) ocuparase tamén, a partir de agora de Parques e Xardíns. Pola súa banda Marta Álvarez Santullano será Concelleira de persoal, réxime interior e reforma administrativa, ademais de concelleira de Medio Ambiente, Limpeza e Cemiterios, mentres que Teresa Regúlez Blázquez se ocupará exclusivamente de Emigración e inmigración. Xaquín Fernández Leiceaga será Concelleiro de Facenda e Orzamentos e de Transportes.

O PXOM será aprobado nos prazos previstos
Sánchez Bugallo prevé que o Plan Xeral de Ordenación Municipal sexa aprobado nos prazos inicialmente previstos. Neste momentos, os técnicos están clasificando e poñendo sobre os planos as alegacións feitas polos particulares e estudiando os informes presentados por AENA, Augas de Galicia, a Diputación Provincial ou os Concellos limítrofes.

Por outra banda, Sánchez Bugallo anunciou que a próxima semana pecharanse tódalas datas para as próximas reunións que manterá co Presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e con algúns dos novos Conselleiros para tratar algúns temas que se tiñan pendentes con antigo Goberno da Xunta.

Compartir: