CENTROS SOCIOCULTURAIS

Preséntase no CSC do Castiñeiriño un libro sobre os campos de concentración de Galicia na Guerra Civil

05/06/2008 O Centro Sociocultural do Castiñeiriño acolle o venres 6 a presentación do libro Galiza na Guerra Civil. Campos de concentración de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo, de Xesús Costa Rodil e Xesús Santos, que participan en dita presentación.

Este volume, editado polos concellos da Pobra do Caramiñal e de Rianxo é un modelo de recuperación da historia local, que amplía varios estudos publicados por estes autores, mergullándose na microhistoria das localidades. A desaparición física dos restos materiais dos campos de concentración existentes en Galicia durante a Guerra Civil fixeron que os autores buscaran testemuños sobre a vida cotiá nos campos, os mandos, os presos e o comportamento solidario da comunidade local.

Tras a presentación do volume e, dentro do programa Cinemas Dixitais que impulsa a Axencia Audiovisual Galega, a Concellaría de Cultura e de Centros Socioculturais, proxectarase o documental Memorial de Camposancos (2006), dos directores José Ballesta de Diego e Miguel Anxo Fernandez Yañez.

O documental quere reconstruír a historia do campo de Camposancos; render homenaxe aos seus presos, mediante o testemuño dalgúns que sobreviven e dos familiares dos que morreron. Faino a través da memoria dos veciños e veciñas da Guarda que, exemplarmente, e na medida das súas posibilidades, paliaron as terribles condicións de amoreamento, enfermidade ou maltrato que sufrían os seus compatriotas, leais ao goberno republicano, no interior daquel campo.

Compartir: