ALCALDÍA

Compostela incorpora unha nova residencia ao seu mapa de atención social aos maiores

05/06/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo inaugurou residencia de maiores "Mirador de Compostela" no Outeiro do Castiñeiriño. No acto estivo acompañado pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín.

Nun contexto no que as persoas maiores aínda están acadando un status novo xa que ata hai ben pouco, o número de xente que chegaba ata idades tan avanzadas non era tan elevado, faise necesario ofrecer respostas tanto dende o ámbito público como dende a iniciativa privada.

Con esta nova apertura, Compostela da un paso máis de cara a completar o mapa de servizos de atención social aos maiores. Esta é a segunda residencia privada que se abre dentro do termo municipal de Santiago e, xunto coa de San Lázaro e as públicas de Porta do Camiño, Volta do castro, e a que a Fundación José Otero - Carmela Martínez está a construír na Pontepedriña, quedarán cubertas en pouco tempo as prazas que demanda a zona de Santiago.

A nova residencia, xestionada pola Fundación de Estudios e Análises, FESÁN, ofrece un conxunto de servizos integrais que contribúen á atención das necesidades básicas dos seus residentes, ao seu desenvolvemento persoal, social, e ao mantemento da súa autonomía e independencia. Os residentes contan con dietas especiais, servizo médico e de enfermería as 24 horas, atención psicoxeriátrica, terapia ocupacional e recreativa, rehabilitación básica, osixenoterapia, asistencia social, capela propia, animación sociocultural e biblioteca.

Compartir: