CULTURA

Carlos Blanco e Manecas Costa levan "Humor neghro" ao Teatro Principal

05/06/2008 O espectáculo escénico Humor neghro chega ao Teatro Principal da man do actor Carlos Blanco e do percursionista Manecas Costa. A dobre cita é o venres 6 e o sábado 7 de xuño, ás 21:00 horas.

Humor neghro é un espectáculo de humor e música que parte do encontro entre dous creadores recoñecidos cada un no seu campo. Partindo de textos propios e de autores como Antón Reixa, Xosé Cid Cabido ou Zé Ruí entre outros, Carlos Blanco e Manecas Costa traballan a dúo para reflexionar sobre unha realidade tan próxima, tan galega e africana como é a emigración/inmigración.

O humorista e actor arousán Carlos Blanco cualificou esta peza como un "cabaret de cadaleitos ou como un exemplo de arte pavera", froito do diálogo relaxado de dous artistas da escena. Na súa opinión, a finalidade da obra, ademais de "encher os teatros e crear afeccionados" ás artes escénicas no país, é africanizar o galego, nunha caste de mestizaxe na que dous xeitos de entender o mundo entran en contacto.

O título da peza, Humor neghro, constitúe para Blanco, amais dunha reivindicación da gheada, un recoñecemento ao humor do país, "que moitas veces agroma nos enterros, onde sempre se fan dúas cousas: rir e comer, agás friame, por razóns obvias".

Dous artistas de recoñecida traxectoria
Carlos Blanco acumula máis de vinte anos de experiencia profesional en teatro, cine, televisión e radio. Ademais da súa faceta como actor, ten realizado en radio múltiples programas culturais, musicais e de actualidade. Destaca o seu papel como protagonista en O lapis do carpinteiro, dirixido por Antón Reixa.

Pola súa banda, Manecas Costa, natural de Guiné Bissau, é un cantautor e guitarrista virtuoso que comezou a tocar á idade de nove anos. O xeito melódico de tocar a guitarra consagrouno como un dos máis salientables músicos de África. Logo de fixar a súa residencia en Lisboa, grava con apoio de UNICEF Mundo di Femia, o seu primeiro disco en solitario.

Dende hai uns meses o arousán e o guineano levan por toda Galicia o seu humor neghro, co que xa conquistaron o público do país. Así o reflicten os 9.000 espectadores que pasaron polas súas representacións.

Compartir: