EDUCACIÓN E MOCIDADE

A escola de verán inicia a súa edición de setembro

02/09/2005 Por cuarto ano consecutivo ponse en marcha a Escola de Verán na súa edición de setembro, un programa organizado polo Departamento de Educación e Mocidade en colaboración coas diversas asociación da cidade, como Don Bosco, Asociación Galega para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Xuvenil de Cruz Vermella, ADGEA-Xestión do Patrimonio, entre outros.

A iniciativa tenta rendibilizar os equipamentos escolares como un espazo de aprendizaxe no tempo de verán, onde os nenos e as nenas poidan expresarse libremente, relacionarse e compartir.

Entre os obxectivos que se pretenden alcanzar con esta proposta, sobresae o feito de ofrecer un espazo de encontro e de lecer para os rapaces, cunha oferta pensada especialmente para eles e as súas familias no tempo de vacacións. Ademais, os centros de ensino constitúen un referente idóneo para a posta en marcha do programa, polo seu equipamento, pola distribución territorial e pola seguridade.

Entre as actividades previstas na programación deste ano, nos centros de Monte dos Postes, Quiroga Palacios e Pío XII, os nenos e nenas poderán participar dende as 9.30 da mañá ata as 13.30 horas en obradoiros de cociña, deportes, artes plásticas e xogos tradicionais, entre outros.

No caso do CEIP Colexiata de Sar as actividades propostas terán unha temática específica. Na Colexiata de Sar tratarase o tema do medio ambiente, con propostas educativas como itinearios polos espazos verdes da cidade, elaboración de viveiros forestais, obradoiro de lácteos, xogos da auga, obradoiro de tintes naturais, obradoiro "Que pasa logo dun incendio", elaboración de chocolate coa cociña solar, etc.

A inscrición nas actividades é libre e de balde e realizarase na secretaría da Escola de Verán dos catro centros a partir do luns 3 de setembro.

Compartir: