MEDIO AMBIENTE

O Centro Sociocultural da Trisca acolle a exposición "Galicia Biodiversidade"

04/06/2008 A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, inaugurou a exposición Galicia, Biodiversidade no Centro Sociocultural da Trisca. No acto estivo acompañada por Xosé Benito Reza Rodríguez, director xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente.

Galicia Biodiversidade é unha exposición realizada pola Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e que se promove dende a Concellaría do Medio Ambiente de Santiago. Trátase dunha exposición guiada e interactiva que nos axuda a:

• Comprender o medio ambiente como un sistema integrado por elementos sociais e naturais no que os seres humanos somos responsábeis do noso contorno.
• Coñecer a diversidade de ecosistemas, de especies e de variedades xenéticas que se conservan en Galiza.
• Estimular a toma de conciencia sobre a importancia da conservación da biodiversidade máis próxima que atesouramos en Galicia e , ao mesmo tempo, a mundial.
• Sensibilizar e concienciar no papel que todas e todos xogamos á hora de conservar a biodiversidade.

A exposición Galicia, Biodiversidade poderá ser visitada por calquera cidadán dentro dos horarios de abertura do Centro Sociocultural da Trisca. Ademais existe a posibilidade de concertar unha visita guiada, para un mínimo de 15 persoas, chamando ao telefono 981 543 147 ou no correo brialg@santiagodecompostela.gal.

Compartir: