PROMOCIÓN ECONÓMICA

A misión para promocionar Compostela na Bahía entrevístase con membros do goberno e empresarios do estado brasileiro

04/06/2008 A misión para promocionar Santiago na Bahía, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, visitou a Secretaría de Industria, Comercio e Mineraçao do estado brasileiro, onde foron recibidos polo seu responsable, Rafael Amoedo.

Na xuntanza, representantes da PROMO (Centro Internacional de negócios da Bahía) realizaron unha presentación de Salvador de Bahía como un lugar onde investir e facer negocios. Despois o grupo mantivo unha reunión con técnicos do centro para analizar casos concretos presentados polas empresas. A delegación está integrada por representantes do sector turístico de Compostela, do ámbito da USC e do sector empresarial. O grupo, encabezado polo concelleiro Xosé Manuel Iglesias, regresará o 6 de xuño.

A continuación, o conxunto da misión mantivo unha comida de traballo con representantes de distintas institucións que traballan en prol do desenvolvemento económico de Salvador de Bahía, e con representantes da diáspora galega no estado. Xa pola tarde, a delegación de empresarios visitou a Asociación de Dirigentes de Empresas do Sector Inmobiliario e a Asociación Comercial do Estado da Bahía, que agrupa ás 60 asociacións empresariais e comerciais do estado. Mentres, o grupo de Turismo e o da USC mantiñan unha reunión de traballo coas Facultades de Turismo na sede da Asociación Bahiana de Axencias de Viaxes e visitaban a entidade cultural Caballeros de Santiago. A xornada pechouse cunha cea de traballo entre o grupo de turismo e operadores maioristas de Salvador de Bahía.

Os obxectivos da misión son promocionar turisticamente Compostela, nun contorno brasileiro, sensible cara ao Camiño de Santiago; reforzar o contacto institucional coas administracións competentes do Estado da Bahía en aspectos relacionados coa economía e o turismo; consolidar lazos con asociacións que aglutinan á diáspora galega asentada na Bahía, así como coñecer os proxectos desa comunidade relacionados co Camiño de Santiago.

As distintas actividades programáronse tendo en conta o crecemento económico experimentado polo Estado da Bahía na última década, moi superior á media do Brasil. Este crecemento propiciou a aparición de novos segmentos poboacionais con capacidade económica para consumir produtos turísticos que teñen como destino Europa. Santiago está na mellor das disposicións para ser receptora desta demanda potencial. Ademáis, este crecemento foi posible grazas a sectores industriais como transportes, comunicación e saneamento, xa consolidados no tecido empresarial compostelá, o que abre a posibilidade para que Santiago acolla no futuro unha misión empresarial procedente do estado da Bahía.

Compartir: