CULTURA

A homenaxe a Xaquín Marín pecha as actividades da exposición "A Historieta Galega 1973–2008"

04/06/2008 Dentro do programa de actividades desenvolvidas con motivo da mostra A Historieta Galega 1973 – 2008, o venres, 6 de xuño, ás 20:00 horas, na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, os organizadores renderán unha homenaxe ao debuxante Xaquín Marín en recoñecemento a súa traxectoria profesional.

O acto de homenaxe consistirá na entrega dunha placa conmemorativa. Ademais, tomarán a palabra Socorro García Conde, tenenta de alcalde e concelleira de Cultura e Centros Socioculturais; Luis Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural; Fausto Isorna, comisario da mostra; e os debuxantes Miguel Anxo Prado, Pepe Carreiro e Kiko Da Silva.

Xaquín Marín e Raimundo Patiño, están considerados os fundadores da banda deseñada galega. Xuntos editaron en 1975 o primeiro álbum de cómic titulado 2 Viaxes. Xaquín Marín ten feitas máis de 200 mostras en Galicia, España, Cuba, Puerto Rico, Bélxica, Canadá, Ucrania, Francia, Bulgaria, Turquía, etc. Ten ilustrado libros de Neira Vilas, Ramón de Valenzuela, Ben Cho Sey, Manuel María, Pere Calders... e traballou en La Codorniz, Hermano Lobo, Diario 16, Le Telegramme, Teima, A Nosa Terra, El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, Das Kapital, Can sen dono, A ameixa cacofónica, Golfiño... Asinou álbums de BD como Ratas, Gaspariño e Dos pés á testa. Foi promotor da exposición "Humor Cru" e participou no álbum de cómic "H2Oil" (2003).

O artista é director do Museo do Humor de Fene. Ten recibido numerosos premios polo seu labor de ilustrador e humorista, dos que el salienta o 1º da Bienal de Bávrobo e dúas Paletas Agromán.

Actividades abertas
Durante o período de duración da mostra, organizáronse varias actividades abertas ao público que tiveron lugar os días 8, 15 e 29 de marzo e 5 de abril, dirixidas polos debuxantes Jacobo Fernández, Norberto Fernández, Fran Bueno e Pepe Carreiro. Eles realizaron viñetas na sala, talleres de iniciación á técnica e visitas guiadas á exposición. E o día 11 de abril tivo lugar o relatorio Unha vida dedicada ao cómic, polo debuxante Carlos Giménez.

A exposición presenta a obra de 50 debuxantes con 300 traballos que recollen a evolución histórica do cómic galego desde o ano 1973 ata a actualidade e que permite entender o que aconteceu nos últimos 35 anos do cómic en Galicia. Finaliza o 8 de xuño de 2008. Pode visitarse todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Compartir: