MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente promove novas visitas para todos os cidadáns aos ríos e parques de Compostela

04/06/2008 A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, anunciou a apertura a toda a cidadanía das visitas organizadas polo departamento aos ríos e parques da cidade ou á estación potabilizadora. Ata agora, estas visitas víñanas facendo prioritariamente grupos de escolares, aínda que algúns grupos de veciños xa participaron tamén.

Este anuncio fíxoo a concelleira aproveitando a celebración, o xoves 5 de xuño, do Día Mundial do Medio Ambiente, motivo polo cal tamén fixo balance das distintas accións postas en marcha polo Departamento. Segundo dixo, "a Concellería aposta pola participación como forma de corresponsabilidade e por poñer os medios para avanzar na sustentabilidade local". Nesta liña, o Concello de Santiago ten previsto incorporarse á Rede galega de concellos pola sustentabilidade, creada pola Xunta de Galicia.

Na dirección de fomentar a participación responsable da cidadanía, Medio Ambiente intenta explicar "como nos afectan os fluxos de enerxía, como nos afectan e como afecta o uso que facemos deles á cidade", co obxectivo de "non hipotecar ás xeracións futuras". Así, resumiu a concelleira, "as nosas accións van dirixidas coñecer para valorar e valorar para ver". Este labor de información atinxe especialmente aos máis novos, que participan no Programa de Educación Ambiental.

Pero as accións tamén van dirixidas aos adultos, con compromisos como o da Axenda 21 Local, o Programa Fogares Verdes, de fomento do aforro enerxético, ou as visitas á planta potabilizadora da cidade. Todo isto completado con cursos, exposicións como a de "Galicia, biodiversidade", que se inaugura o mércores 4 de xuño no Centro Sociocultural da Trisca, ou actividades como a Feira do Sol, que se celebrará o 21 de xuño.

Elvira Cienfuegos quixo chamar a atención sobre o labor de recuperación dos ríos Sar e Sarela. Comezouse por este último, "logrando unha calidade aceptable das augas e a accesibilidade das beiras, incorporando mobiliario nas zonas de lecer e traballando na creación de itinerarios". Tamén se referiu á ampla rede de zonas verdes da cidade, que invitou a coñecer a todos os cidadáns. Unha oportunidade para iso será o domingo 8 de xuño, en que, partindo do Centro Sociocultural das Fontiñas, se fará un roteiro polo río Corgo, afluente do Sarela.

Compartir: