EDUCACIÓN

O Concello pon en marcha unha iniciativa pioneira para ensinar aos máis novos técnicas de reanimación

03/06/2008 Os días 5 e 6 de xuño celébrase en Santiago de Compostela Congreso de Reanimación Internacional de Pediatría. No marco deste evento, a Concellería de Educación vai por en marcha, o xoves 5, ás 12:00 horas, unha iniciativa pioneira en Galicia, denominada "Ensinemos aos escolares a salvar vidas", para ensinarlle aos máis novos técnicas de reanimación cardiopulmonar"

A actividade consistirá nun adestramento masivo para escolares de entre 12 e 14 anos na praza da Quintana. Estudantes composteláns recibirán unha clase de formación práctica sobre as técnicas de reanimación cardiopulmonar básica impartida por técnicos e especialistas. Esta é a primeira vez que se fai un adestramento masivo deste tipo en Galicia.

A iniciativa pretende concienciar á poboación en xeral da importancia de coñecer estas técnicas vitais para poder empregalas no caso de atoparse diante dunha situación de emerxencia. Os estudios amosan que a posta en práctica destas manobras básicas de soporte vital básico nos primeiros minutos dunha parada cardiorrespiratoria aumentan considerablemente as posibilidades de sobrevivir do afectado.

Demostración de simulación médica
Ademais, no marco do congreso realizarase unha demostración de simulación médica avanzada para pediatras, na que comprobarán o uso dos simuladores integrais co fin de incrementar os coñecementos e afianzar a seguridade do paciente mediante a práctica previa á introdución clínica nos simuladores. Estará presente unha especialista norueguesa en simulación médica que elixiu Urxencias Sanitarias de Galicia-061 como referente en España da simulación médica para realizar un proxecto europeo de avaliación do estado da simulación no continente.

Así mesmo, a directora do 061 de Galicia, María Cegarra, realizará unha conferencia sobre a experiencia da ensinanza de manobras de reanimación cardiopulmonar entre os escolares galegos. O 061 leva anos formando a escolares e profesores galegos mediante o programa Alerta Escolar para difundir estas manobras.

Esta iniciativa enmárcase no Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección: Onde está o perigo?, no que participan ao longo do curso escolar máis de 8.000 escolares. A súa presentación correu a cargo da concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez; do presidente do Congreso Internacional de Pediatría, Antonio Rodríguez, e do coordinador docente de Urxencias Sanitarias do 061, José Antonio Iglesias.

Parque Infantil de Tráfico
Tamén no marco deste programa de educación viaria, a Concellería de Educación vai preparar un Parque Infantil de Tráfico adaptado a nenos de entre 0 e 3 anos na Escola Municipal de Conxo. Alí, tanto os rapaces das escolas infantís de Conxo e Fontiñas poderán simular unha serie de condutas propias do seu comportamento como peóns e viaxeiros de transporte público e privado. Ademais, coñecerán os diferentes servizos de seguridade: bombeiros, protección civil, policía local, entre outros.

O obxectivo desta actividade é que os nenos identifiquen os diferentes elementos e a súa relación co tráfico. Servirá tamén para que descubran a importancia que teñen as normas e os sinais de tráfico e para coñecer o seu significado, fomentando actitudes de respecto. En resumo, trátase de adquirir e desenvolver hábitos orientados a creación do sentido viario. O programa desenvolverase entre as 11:00 e as 12:15 horas.

Compartir: