TURISMO

Remata o prazo para participar no "Compostela Plató"

02/06/2008 Ata o 8 de xuño os autores nados ou residentes en España poden participar no concurso de guións Compostela Plató enviando un guión para curtametraxe de temática libre, escrito en galego ou castelán, que se desenvolva ou que poida ser rodado en interiores e exteriores de Santiago de Compostela alomenos nun 80%.

Esta é unha das actividades incluídas na axenda da V edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela Curtocircuíto, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e da Concellaría de Cultura, co obxectivo de promover Compostela como un escenario ideal no que rodar todo tipo de historias.

O xoves 19 de xuño, un xurado integrado por profesionais do sector audiovisual elixirá o gañador, que recibirá un premio consistente na produción do guión cun orzamento de ata 40.000 euros. A rodaxe levarase a cabo en localizacións compostelás durante o mes de xullo ca axuda dun director invitado que asesorará ao gañador durante a produción.

Como xa acontecera cos gañadores das edicións anteriores -"Quérote mal" (2005), "Bechos raros" (2006) e "Historia da arte" (2007)-, a curtametraxe gañadora deste certame estará lista para ser estreada na Gala de entrega de premios que clausurará a Semana Oficial de Curtocircuíto, o 24 de outubro.

As bases do concurso e toda a información sobre Compostela Plató e Curtocircuíto pode consultarse a través da páxina web oficial do festival www.curtocircuito.org.

Compartir: