CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os rapaces disfrutarán de obradoiros sobre o circo no último día da Bibliopiscina

02/09/2005 Con motivo de peche das actividades de Bibliopiscina 2005, talleres e xogos arredor do circo animarán o último día desta proposta de verán.

Os rapaces que se acheguen á piscina do Sar durante a xornada do sábado 3 de setembro entre as 17.30 e as 19 horas poderán disfrutar de diferentes actividades relacionadas co circo. Así, haberá un taller de malabarismo para que os pícaros proben a xogar con bolas, mazas e outros obxectos típicos dos xogos malabares. Outro dos talleres ensinará a crear complementos para ser unha personaxe do circo. Garabatas, paxariñas e outras prendas básicas complétanse cun taller de maquillaxe de pallasos e mimos.

Ao remate destes obradoiros, os cativos xogarán cos seus disfraces circenses, coma se formasen parte dun circo, e máis tarde, entre as 19 e as 19.30, disfrutarán dunha merenda.

Non é preciso inscribirse previamente, debido a que o sábado 3 a entrada á piscina para os rapaces é de balde.

Compartir: