CIDADE HISTÓRICA

Última fase para a posta en marcha da rede Wimax no Casco Histórico

02/06/2008 O Goberno local aprobou os pregos de cláusulas técnicas e prescricións administrativas para a contratación da subministración e posta en marcha dunha rede Wimax no Casco Histórico, así como a súa xestión, mantemento e explotación.

Iníciase así o expediente para a contratación, establecéndose como tipo de licitación 471.283 euros para a contratación da subministración da rede e posta e marcha dos servizos, e de 20.000 euros/ano para a xestión, mantemento e explotación da rede. Afróntase así a última fase para a posta en funcionamento desta rede, financiada a partes iguais polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e polo Consorcio de Santiago.

A rede Wimax permitirá incorporar o Casco Histórico ás novas tecnoloxías de información e da comunicación, poñéndoo ao mesmo nivel que outras zonas da cidade neste ámbito. Fará posible servizos como os de telemedicina e teleasistencia, vital para colectivos específicos como anciáns, enfermos ou mulleres maltratadas; os de seguridade e emerxencias; puntos de información cidadá de acceso público; servizos de información turística ou o acceso á administración electrónica. Aos comerciantes facilitaralles a xestión diaria ou unha maior seguridade grazas aos servizos de televixilancia.

WIMAX (Worldwide Interoperability for Microwave Access) permite conexións a Internet de alta velocidade (ata 70 Mbps), inarámicas, ata unha distancia de 50-60 km e en mobilidade sen perder a conexión. Ademais, posibilita unha adecuación do ancho de banda do canal en función das necesidades da aplicación concreta, garante a seguridade, vía encriptación, da información e ten capacidade para explotar comunicación de voz sobre IP.

Reposición de pavimento
Tamén no Casco Histórico, adxudicáronse as obras de reposición de pavimento nas rúas Preguntoiro, Via Sacra, Praza Fonterrabía, Toural, Porta Faxeira e algunha outra rúa. Esta actuación suporá un investimento de 39.695 euros. As obras inclúen a recolocación, nivelación e reparación das pezas do enlousado en zonas onde están deterioradas.

Compartir: