CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural das Fontiñas dedica á auga a súa Semana Cultural

02/06/2008 A Semana Cultural do Centro Sociocultural das Fontiñas chega á súa sétima edición entre o 3 e o 7de xuño. Neste ano 2008, en que se celebra o Ano Internacional da Auga, no centro tamén quixeron ter presente este recurso natural como fío condutor das actividades.

Xogos, obradoiros, charlas, monicreques, música e excursións integran esta Semana Sociocultural, cuxo programa foi presentado pola concelleira de Centros Socioculturais, Socorro García Conde. As actividades comezarán o martes 3 de xuño, data que, ás 20.00 horas, se inaugurará a Semana e as exposicións "25 Anos de medio ambiente con Xaquín Marín"e "Incendios Forestais. O valor da prevención". Amenizará a tarde o grupo instrumental e coral de Solfa e realizarase un graffiti.

Xa para o mércores 4 de xuño quedará o inicio do VII Campionato de Xogos de Mesa, que se prolongará o longo de varios días. Tamén este día e outros haberá xogos coa auga. Ás 20:00 horas, recital de poesía con Yolanda López e, media hora máis tarde, a charla "O cambio climático. Unha verdade incómoda", impartida por un membro do The Climate Project Spain.

O xoves 5 de xuño, haberá unha actuación de Monicreques Cachirulo (18:00 horas) e unha visita á depuradora de auga. Ás 20:00 horas, torneo de mergulladores na aula informática e proxección de "2050. How soon is now?". E a continuación, charla sobre o uso sustentable do recurso auga, a cargo de persoal técnico de Augas de Galicia

Na seguinte xornada, o venres 6 de xuño, ademais dos xogos e obradoiros, proxección do filme "Unha verdade incómoda" e actuación musical do grupo de percusión Odaiko. E xa para rematar a Semana Cultural, o sábado 7, haberá unha saída a percorrer a ruta do Sarela, contacontos e unha festa infantil da auga.

As actividades aínda se prolongarán ao domingo 8 de xuño, co percorrido denominado "Pisadas polas augas de Compostela", que levará aos participantes por lugares como Pozo da Neve, Ponte Mantible, beiras do río Corvo, Carme de Abaixo, etc. A saída, previa inscrición, será ás 11:00 horas do Centro Sociocultural das Fontiñas.

Ademais, o 14 de xuño entregaranse os premios do VII Campionato de Xogos de Mesa para maiores. E o domingo 22 de xuño, excursión "Ruta Fin do Mundo". Visitarase Muros (muíños de marea), monte Louro, fervenza do Ézaro, Monte Pindo, Corcubión e Fisterra.

Documentos relacionados



Compartir: