EMPREGO

O servizo de atención ao público da Bolsa de Emprego recibiu 5.031 consultas en cinco meses

28/05/2008 O Servizo de atención ao público da Bolsa de Emprego que xestiona a Concellaría de Promoción Económica e Emprego atendeu 5.031 consultas nos cinco primeiros meses de 2008. 2.635 peticións de información, o 52,38%, foron de persoas que pasaron polas oficinas do programa, situadas no número 100 da rúa do Hórreo. O resto, 2.396 consultas, o 47,62%, atendéronse a través do teléfono 981 568 752. 3.298 consultas, o 65,55%, foron realizadas por mulleres.

O servizo todo tipo de peticións de información co mundo laboral. Consultas sobre contratación, ofertas de emprego, prestacións, formación, sectores profesionais emerxentes, etc. No caso das persoas que procuran emprego ou buscan mellorar as súas perspectivas laborais, proporciónaselle un listado das empresas do sector profesional no que están interesadas e oriéntanse sobre como deben facer a súa autocandidatura (curriculum). No Servizo de atención ao público tamén dispoñen dun listado de ofertas de emprego actualizado diariamente para entregarlle ás persoas interesadas, que se o solicitan, pasan a formar parte da Bolsa de Emprego.

A Bolsa de Emprego concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral cas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes. Un equipo de técnicos expertos en orientación-inserción profesional realiza unha entrevista a cada un das persoas usuarias para elaborar a diagnose do proxecto profesional. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

Todas as demandas de emprego introdúcense nun aplicativo informático, a Plataforma de Intermediación Laboral, que ten como obxectivo mellorar a prestación do servizo. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas laborais ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respeta sempre a confidencialidade dos usuarios.

Compartir: