TURISMO

"Santiago (é)Tapas" premia a cociña en miniatura de Compostela

27/05/2008 Durante dúas semanas, Santiago de Compostela volverá a lucir a súa gastronomía, esta vez en formato reducido, coa celebración do I Concurso de Tapas Santiago (é)Tapas. Entre o 28 de xuño e o 13 de xullo de 2008 os establecementos hostaleiros da cidade competirán por ofrecer a visitantes e composteláns as súas mellores elaboracións en forma de tapa.

Todos aqueles establecementos de hostalaría composteláns que desexen participar deberán inscribirse entre o 28 de maio e o 15 de xuño a través da web do concurso, www.santiagoetapas.com, ou enviando a folla de inscrición por correo postal, fax ou correo electrónico á Secretaría Técnica do Concurso en horario de oficina (Rúa do Pombal, 35 - baixo. 15705. Santiago de Compostela; Tel: 981 935 345 - 981 569 194, Fax: 981 591 171; Correo-e: etapas@santiagoturismo.com). Cada establecemento pode presentar un máximo de tres tapas que figurarán na súa oferta durante os días do concurso. Os participantes estarán identificados cun orixinal distintivo de Santiago éTapas.

Establecéronse catro premios, tres outorgados polo xurado, que estará composto por persoas do ámbito da hostalaría, do turismo ou do xornalismo gastronómico, á Mellor Tapa, Tapa Tradicional e Tapa Creativa. Xunto a eles entregarase o premio Tapa do Público, decidido por votación popular. O Premio á Mellor tapa está dotado con 1.000 euros e unha campaña de comunicación en prensa local. Os outros tres premios teñen unha dotación de 1.000 euros. Ademais, entre todos os estabelecementos participantes sortearase unha invitación para dúas persoas ao Fórum Gastronómic de Xirona, que inclúe os billetes de avión, a estancia e dúas credenciais para o evento.

Tapasporte e curso de cociña
Facendo un símil coa credencial que utilizan os peregrinos cando chegan a Santiago de Compostela, Turismo de Santiago propón o Tapasporte, a Compostela de Tapas, para fomentar a participación da cidadanía no concurso. Esta ferramenta propón rutas ou (é)Tapas gastronómicas, formadas por establecementos próximos entre si, nos que recibirán un selo tras consumir a súa tapa. Os usuarios poderán optar a unha serie de premios segundo o número de selos que reúnan.

Finalmente, Turismo de Santiago programa unha acción formativa orientada aos hostaleiros de Compostela para afondar no mundo das tapas e coñecer experiencias doutros lugares. Esta acción desenvolverase o 16 de xuño e estará composta por dúas sesións demostrativas impartidas por tres chefs de referencia da cociña das tapas en España: Paco Guzmán, do Restaurante Santamaría (Barcelona) e Edorta Lamo e Íñigo Cojo de A Fuego Negro (San Sebastián).

O concurso, presentado polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, é unha nova acción coa que dar un paso máis cara á consolidación de Santiago como destino de turismo gastronómico.

Documentos relacionados



Compartir: