TENENCIA DE ALCALDÍA

Néstor Rego renuncia á súa acta de concelleiro

24/05/2008 O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, anunciou en rolda de prensa a súa renuncia á acta de concelleiro poñendo así remate a trece anos como membro da corporación municipal compostelá en representación do Bloque Nacionalista Galego.

Na súa comparecencia, Néstor Rego indicou que a súa retirada da vida política municipal debe asumirse con naturalidade despois dunha intensa dedicación ao longo de máis de tres lexislaturas e é o froito dunha decisión meditada que parte da necesidade persoal de facer unha paréntese na súa actividade política. A partir deste momento, Rego reincorporarase ao seu traballo como profesor de lingua galega no ensino secundario.

A vacante que deixa Rego asumiráa a número cinco da candidatura, a avogada Olga Pedreira, que terá as competencias de Rehabilitación e Cidade Histórica. Pola súa banda, Socorro García Conde asume a Tenencia de Alcaldía e a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais.

Rego entrou no Concello de Santiago en 1995, lexislatura na que o BNG estivo na oposición, e a partir do ano 1999 e como resultado de tres pactos de lexislatura desenvolveu as responsabilidades de Medio Ambiente e Servizos primeiro e posteriormente as de Cultura e Centros Socioculturais, así como a Tenencia de Alcaldía e a portavocía do grupo municipal.

Compartir: