CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC do Castiñeiriño acolle a posta en escena de "Comedia bífida"

22/05/2008 O venres 23 de maio, ás 20:00 horas, o Centro Sociocultural do Castiñeiriño, acollerá a representación teatral de Comedia bífida, sobre un texto de M. Núñez Singala e baixo a dirección de Tero Rodríguez. A entrada é de balde.

Esta obra é unha curiosa versión do Xuízo Final. Con San Pedro como xuíz supremo, os mortos desta obra de teatro son xulgados pola súa actitude en vida a prol ou en contra do uso da lingua propia. Xa que os mortos son maiormente galegos, vai resultar que a lingua en tea de xuízo é o galego. Un arcanxo defensor e un demo fiscal darán o contrapunto argumental á hora de sopesar as razóns que levan a un galego ou galega a non querer falar a súa lingua con normalidade. Humorismo, ironía, sarcasmos varios, crítica e autocrítica serán convenientemente servidos nesta derradeira cea teatral nas antesalas do inferno ou do paraíso.

Comedia bífida é un texto teatral de Manuel C. Núñez Singala, publicado en abril de 2007 por Editorial Galaxia dentro da colección Costa Oeste. Escritor, filólogo, director do Departamento de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Núñez Singala é tamén autor doutras obras: Solidariedade occidental, O achado do castro, Longa lingua: Os contos da Mesa e Mar de fondo.

Compartir: