PROMOCIÓN ECONÓMICA

Preto de 500 persoas participan nas actividades da Rede de Cooperación Local

22/05/2008 478 persoas participaron nas actividades programadas no primeiro semestre do 2008 pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo no marco da Rede de Cooperación Local. En concreto, desenvolveronse catro cursos on-line dirixidos a traballadores ocupados, visitas a empresas, unha comida de traballo, duas conferencias e un encontro entre axentes de emprego e usuariaos de programas de emprego de Promoción Económica.

A Rede de Cooperación Local, posta en marcha no ano 2004 pola Concellaría, ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre o mundo empresarial, as institucións e a universidade. Cofinanciada pola Fundación Caixa Galicia, coa RCL colaboran, ademais, a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e a USC.

61 alumnos seguiron os cursos on-line de Habilidades Directivas, Calidade, Loxística integral e Inglés Industrial, dirixidos a persoas ocupadas. Desenvolvidos entre o 31 de marzo e o 16 de maio e deseñados tendo en conta as demandas do tecido empresarial compostelá, tiñan como obxectivo mellorar a cualificación profesional de mandos intermedios, directivos, operarios, xestores e técnicos de empresas. Outras 17 persoas, entre alumnado e persoal docente da USC, participaron na visita realizada o pasado 9 de maio ás instalacións do Proxecto Crear, ao Viveiro de Empresas e a empresas do Polígono Industrial do Tambre.

Ás conferencias da Rede de Cooperación Local, celebradas o 14 e 15 de maio na sede da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, asistiron 60 persoas. Dirixidas a empresarios, tiveron como obxectivos potenciar o intercambio de relacións entre as empresas de Santiago e achegarlles, de primeira man, as liñas de actuación da Xunta de Galicia en desenvolvemento empresarial, e os produtos financieiros que Caixa Galicia oferta ás empresas. No transcurso do xantar de traballo celebrado o 20 de maio, ao que asistiron 123 persoas entre representantes de distintas institucións, de empresas e da USC, presentaronse as conclusións de dous estudos sobre o tecido empresarial compostelá.

O ciclo de actividades da Rede de Cooperación Local pechouse o 21 de maio na Aula de Cultura de Caixa Galicia cun encontro entre usuarios dos distintos programas da área de emprego, representantes de institucións e empresas que colaboran nos proxectos de emprego; e persoal da Oficina de Promoción Económica. Durante o acto, ao que asistiron 217 persoas, tiveron a oportunidade de compartir experiencias.

Compartir: