INFRAESTRUTURAS

A remodelada rúa de Berlín achega o primeiro carril bici e unha moderna iluminación

23/05/2008 Un carril-bici, unhas amplas beirarrúas e unha moderna iluminación son algunhas das novidades da nova rúa de Berlín, en Fontiñas, cuxas obras veñen de concluír. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurarou o venres 23 a remodelación desta rúa.

A rúa de Berlín é a primeira que se remodela en Fontiñas, quince anos despois da inauguración do barrio, nun proceso que continuará posteriormente con outras rúas, que seguirán o mesmo modelo desta. O Concello investiu 1.999.550 euros nunha obra que afectou aos vieiros, ás beirarrúas, á iluminación e mesmo ao mobiliario. En total actuouse sobre un ámbito de 12.775 metros cadrados.

Unha das principais novidades é a creación dun carril para bicicletas, cun ancho de dous metros. Está separado da zona de peóns por uns setos e leva unhas balizas que iluminarán o carril pola noite. As balizas son o método empregado para iluminar os seis pasos peonís da calzada. A mediana de separación quedou como unha zona verde con vexetación baixa.

Tamén se actuou sobre 7.426 metros cadrados de beirarrúas, moi deterioradas nalgúns casos polas raíces dalgunhas árbores de crecemento rápido. Dispoñen dunha iluminación moderna e totalmente renovada, e con 14 bancos e 12 papeleiras ao longo de toda a rúa. Isto complementouse coa plantación de 41 tilias, 34 plátanos e 26 magnolios.

A calzada ten un ancho de 3,50 metros e as bandas de aparcadoiros de 2,50 e 3 metros. Esta intervención aproveitouse tamén para habilitar dúas illas de cinco contedores do lixo cada unha.

Tras a inauguración, sorteáronse tres bicicletas entre os que previamente se anotaran no Centro Sociocultural de Fontiñas e posteriormente asistiron ao acto de apertura da rúa.

Compartir: