EMPREGO

Máis de 200 persoas asistiron á entrega de diplomas ao alumnado dos proxectos FIP, Crear IV e Persoa III

21/05/2008 Máis de 200 persoas asistiron á entrega de diplomas aos participantes nos Cursos FIP (Formación e Inserción Profesional), no Proxecto Crear IV e no Proxecto Persoa III, desenvolvidos pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego. Ao acto, celebrado na Aula de Cultura de Caixa Galicia, asistiron alumnos, formadores e representantes das empresas colaboradoras. A través destes cursos e programas formáronse 363 persoas e impartíronse 59 accións formativas, cun total de 8.618 horas lectivas.

58 alumnos remataron os Cursos FIP de Instalador de sistemas de enerxía solar térmica, Fontanería, Carpintería, Cantería e Xardinería; e as especialidades de Eficiencia enerxética, automatización e xestión da enerxía na vivenda, complementaria do Plan FIP, e Electricista de edificios, dirixida a mulleres. Estas sete especialidades formativas, impartidas no 2007, contaron cun total de 3.455 horas lectivas.

Tamén se entregaron os diplomas aos usuarios do Proxecto Crear IV, que comezou en xuño do 2007 e rematou o 30 de abril do 2008. 114 dos 200 participantes no programa accederon ao mercado laboral, o que representa un 57% do total de participantes. Das persoas inseridas laboralmente, 70 son mulleres e 44 homes. Esta cifra supera en 17 puntos o obxectivo de 80 insercións laborais, o 40%, fixado pola Xunta de Galicia para o Crear IV. No marco do Crear IV impartíronse 45 cursos, cun total de 878 horas lectivas.

A través do Proxecto Persoa III, desenvolvido entre o 14 de decembro do 2005 e o 27 de decembro do 2007, recibiron formación 105 persoas, das que 103 (97 mulleres e 6 homes) accederon ao mercado laboral. En total impartíronse sete especialidades, cun total de 4.285 horas lectivas. Estas especialidades foron: Especialista en atención a persoas maiores e discapacitadas, Atención temperán e estimulación precoz, Especialista en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflictos, Especialista no coidado da imaxe persoal e estética a persoas maiores e/ou dependentes, Adestrador físico de persoas con discapacidade,e Experto en envellecemento activo e Especialista en asistencia persoal.

A oferta formativa da Concellaría de Promoción Económica ten como obxectivo promover a integración laboral de persoas desempregadas a través da súa participación nun proceso integral de inserción. Este proceso contempla, ademáis de formación, prácticas en empresas e apoio á colocación. Incídese, sobre todo, en persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción: mulleres, mozas/os, maiores de 45 anos, discapacitados, etc.

Compartir: