CULTURA

Avanza o proceso constitutivo do Consello Compostela Cultura

21/05/2008 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, co obxecto de facilitar a participación dos axentes culturais no proceso constituínte do Consello de Compostela Cultura, habilitou un espazo no web www.compostelacultura.org para, coa colaboración de todas as asociacións interesadas, formar un censo provisional de entidades electoras e elixibles.

O prazo para a validación de datos ou para solicitar a inclusión no censo provisional acaba o 23 de maio de 2008. Rematado este período, procederase á publicación do censo definitivo e a abrir un período de reclamacións de dez días hábiles.

No censo xa se incluíron "de oficio" tanto as entidades culturais xa inscritas no Rexistro Municipal como as que sobardan o ámbito local, pero actúan en Compostela e teñen colaborado co Concello. Estas entidades teran que actualizar os seus datos rexistrais e validar o sector que se lles atribuíu para ter a condición de elector e elixible.

Aqueles axentes culturais que, por erro, omisión ou recente constitución, non figuren nesta primeira relación censual e desexen participar como electores e elixibles neste proceso constituínte terán que, ademais de tramitar a súa inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións, cubrir en todos os seus extremos o formulario que aparece no apartado rexistro da páxina compostelacultura.org

Prazo das alegacións
O proceso participativo de formación do Consello Compostela Cultura culminará coa finalización do prazo de alegacións e suxestións ao regulamento do mesmo. Este prazo fai parte dunha segunda fase de participación cidadá xa que houbo unha primeira de contacto directo e diálogo co mundo cultural compostelán para recoller de primeira man múltiples e variadas suxestións. Á exposición pública do regulamento pódese acceder dende www.compostelacultura.org

Compartir: