CONSORCIO

O programa ConCiencia trae a Santiago ao líder mundial na loita contra o cancro

21/05/2008 O Premio Nobel de Medicina de 1989, Harold Varmus (Nova Cork, 1939) abre o xoves 22 de maio a edición 2008 do programa ConCiencia, que organiza a Universidade compostelá coa colaboración do Consorcio de Santiago e da Fundación Caixa Galicia.

Esta terceira edición do programa ConCiencia confírmao como "ponte entre a USC e Santiago coa elite mundial da ciencia", en palabras do reitor da USC, Senén Barro. Renóvase así esta iniciativa, en forma de presenza dos máis importantes persoeiros científicos, "un privilexio para Santiago e Galicia", apuntou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. En breves datas anunciaranse os outros tres científicos que integrarán a edición de 2008 de ConCiencia.

O coordinador do programa, Jorge Mira, explicou que Harold Varmus é "o líder mundial na loita contra o cancro". O hoxe presidente do Memorial Sloan-Kettering Cáncer Center de Nova York –o centro máis importante do mundo na loita contra o cancro- foi o descubridor da orixe celular dos oncoxenes (xenes capaces de inducir transformación tumoral), demostrando que estes xa están nas células e non son introducidos por virus.

O acto central da súa visita a Santiago será o xoves 22, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Carreira do Conde, 18), co conferencia "Por que é importante a ciencia" aberta ao público en xeral. Xa o venres 23, Varmus manterá unha reunión con investigadores galegos no Centro de Estudos Avanzados da USC (Parque de Vista Alegre) cos que, tras unha pequena intervención introdutoria, intercambiará pareceres en torno á investigación oncolóxica.

Os oncoxenes
Gran parte da traxectoria científica do Premio Nobel desenvolveuse na Universidade de California (San Francisco) de 1970 a 1993, primeiro como investigador posdoutoral no laboratorio de Michael Bishop e posteriormente dirixindo o seu propio grupo.

Foi en colaboración con Bishop como demostrou a orixe celular dos oncoxenes virais. Traballando con retrovirus oncoxénicos aviares (virus capaces de inducir cancro en polos), chegaron á conclusión de que os oncoxenes presentes no virus procedían en realidade das células de polo ás que infectaran.

Isto veu a ser a primeira evidencia de que os oncoxenes son xenes celulares normais que funcionan habitualmente controlando a división celular, e que só a súa activación (frecuentemente mediante a súa mutación) os concerte en causantes do cancro.

Recoñecemento científico
Este traballo foi recoñecido por múltiples premios científicos, entre eles o Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina concedido a Varmus e Bishop en 1989. A carreira de Varmus continuou de xeito brillante realizando achegas esenciais ao coñecemento do ciclo de replicación dos retrovirus, á función desempeñada por algúns dos oncoxenes celulares e, máis recentemente, ao desenvolvemento de modelos de cancro en ratos modificados xeneticamente.

En 1993, Varmus foi nomeado director do NIH por Bill Clinton, cargo que mantivo ata 1999. O NIH é a axencia do goberno americano responsable da investigación biomédica e en ciencias da suade, e financia un terzo da inversión en investigación biomédica en todo o país.

Xa dende o ano 2000 preside o Memorial Sloan-Kettering Cáncer Center de Nova York, a máis Antía e maior institución privada do mundo dedicada á investigación e tratamento do cancro. Este centro comprende un hospital especializado (que recibiu en 2007 a máis de 21.000 pacientes) e un dos máis prestixiosos institutos de investigación de Estados Unidos, que conta cun cadro de 9.000 traballadores, entre os que se inclúen figuras mundiais como o científico español Premio Príncipe de Asturias 2004 Joan Massagué.

Ademais, Varmus foi asesor de diversas compañías biotecnolóxicas e farmacéuticas e de numerosas institucións académicas, así como comisionado da Organización Mundial da saúde entre 2000 e 2002. Participou tamén en iniciativas para promover a ciencia en países en desenvolvemento, como a Fundación Bill and Melinda Gates ou o Global Science Group. Hoxe lidera igualmente iniciativas para promover un maior preso do coñecemento científico nas decisións gobernamentais fronte a influencias relixiosas.

No acto de presentación desta visita participaron o alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o director do Centro de Investigación Económica e Financiera da Fundación Caixa Galicia, Alberto Meixide; e o coordinador de ConCiencia e profesor da USC, Jorge Mira.

Compartir: