COMERCIO

Un programa de Promoción Económica permite a empresas e comercios obter descontos en publicidade

16/05/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, acaba de subir á súa páxina web www.maiscompostela.org o Protocolo de adhesión ao convenio marco para a execución do programa de acceso á comunicación e publicidade destinado ao sector comercial/empresarial do Concello de Santiago.

A este protocolo poden adherirse como entidades colaboradoras, unha vez se publique no BOP, os medios de comunicación e entidades que oferten produtos publicitarios interesadas no programa. O seu obxectivo é potenciar o uso da publicidade como un investimento rendible a través de descontos nas tarifas de comercios e empresas que participan ou colaboran en programas organizados pola Concellería de Promoción Económica.

O convenio, aprobado en Xunta de Goberno e vixente ata o 31 de decembro, senta as bases de cooperación entre o Concello e as entidades colaboradoras para a execución do programa de acceso á comunicación e publicidade destinada ao sector comercial/empresarial de Compostela. Enténdese como entidade colaboradora calquera entidade que ofreza produtos publicitarios en prensa escrita, revistas e demáis publicacións, mupis, pantallas, radio, televisión, internet, circuitos pechados en autobuses, aeroportos, centros comerciais, etc.; e/ou calquera outro medio ou formato publicitario análogo.

Os beneficiarios do programa son os establecementos comerciais participantes no Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping e Concurso de I+C (Imaxinación máis Comercio); os beneficiarios do programa Compostela Activa, as/os usuarias/os do Servizo de Apoio a Emprendedores; e as entidades colaboradoras e persoas usuarias dos demáis programas para a creación de empresas e promoción do emprego desenvolvidos pola Concellaría de Promoción Económica.

Vintecinco empresas e comercios beneficiáronse no ano 2007 de descontos en tarifas publicitarias grazas á aplicación do Programa de fomento do investimento en publicidade e promoción comercial, recollido nun convenio asinado entre a Concellaría de Promoción Económica, e Comercio e os principais medios de comunicación que operan en Santiago.

Compartir: