NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Festa das Letras pechou unha semana chea de actividades en prol da lingua galega

17/05/2008 O parque de Galeras acolleu a Festa das Letras, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, este ano 2008 dedicado a Xosé Mª Álvarez Blázquez. Pechábase así un completo calendario de actividades organizado pola Concellería de Educación en prol da lingua galega e da nosa literatura.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu os actos desta festa, acompañado por boa parte da Corporación municipal. Alí actuou a Banda Municipal de Música, cun programa especialmente preparado para a ocasión, con pezas como Ponteareas, Airiños Aires, A lenda de Montelongo ou Carrapucheiriña. Tamén houbo danza e os asistentes recibiron como agasallo o libro Xosé Mª Álvarez Blázquez. Poesía galega Completa.

Ao longo da semana desenvolvéronse diversas actividades, nas que participaron case 1.500 rapaces. A última, antes da Festa, foi O Xogo das Letras, unha xincana lingüística na Zona Vella na que estiveron 50 nenos e nenas de 9 a 14 anos.

Comezaron as actividades con Os Barballocas, os monicreques salvadores da lingua galega que actuaron para 354 alumnos de primaria, de seis centros escolares, nas seis funcións programadas na Fundación Granell. Outros 991 alumnos de 3º de ESO en diante, de 16 centros, asistiron ás catro funcións da obra de teatro con contido sociolingüístico Bicos con lingua.

Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915 – Vigo, 1985)

Foi un escritor polifacético, amais de arqueólogo, investigador e editor, que manifestou en todo o seu labor unha vontade de compromiso firme co país e coa cultura galega. Foi fiel ás súas ideas galeguistas, republicanas e de esquerda e sensíbel ante a pobreza no mundo.

1930: nestes anos comeza a publicar os seus primeiros poemas en xornais de Tui e Pontevedra, cidade na cal estuda Maxisterio.

1933: entra nas Mocidades do Partido Galeguista e no ano 34 pronuncia o discurso "Berro en lembranza dos herois de Carral".

1935: xa é mestre e entra a formar parte do Partido Galeguista, acaba o seu libro de relatos Os ruíns e comeza a estudar Filosofía e Letras.

1936: o seu pai (o doutor Darío Álvarez Limeses) foi fusilado e el desterrado a Zamora.

1941: volve a Galicia e vai vivir para Vigo. Nesta década participa da libraría anticuaria Monterrey, publica co seu irmán Emilio o libro Poemas de ti e de min e é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo.

1950: nesta década comeza a participar na radio, publica varias obras e realiza importantes descubertas arqueolóxicas. Máis tarde casa con María Luísa Cáccamo Freiben e teñen tres fillas e tres fillos.

1964: funda cos seus irmáns as Edicións Castrelos, e profesionalízase máis tarde como editor. Esta editora será símbolo e instrumento de popularización do libro galego.

Obra Como poeta, destacan os seus libros Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950), Cancioneiro de Monfero (1953) e Canle segredo (1976). Como narrador en galego é autor dos contos Os ruíns (1953) e A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971). Tamén escribiu ensaios, artigos... e sobresaen a súas achegas ao estudo da lírica medieval e á dos Séculos Escuros.

Compartir: