ALCALDÍA

As linguas minoritarias reivindican o seu espazo na prensa internacional

16/05/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu aos participantes na Conferencia Internacional de Diarios en Linguas Minoritarias e Multilingüismo na Unión Europea, que se celebra en Santiago do 15 ao 17 de maio.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo referiuse ao patrimonio histórico compartido polos asistentes: "unha lingua e un legado cultural que seguiremos transferindo xeración tras xeración, a pesar dos atrancos que moitos dos pobos aos que pertencemos sufrimos ao longo da historia". Neste sentido, recoñeceu que "publicar un diario nunha lingua minoritaria supón asumir unha posición lingüística solidaria, poñerse do lado dos máis débiles e rexeitar as vantaxes dunha difusión máis ampla na lingua maioritaria ou oficial".

O alcalde valorou a contribución de todos estes xornais para "eliminar actitudes negativas ante as linguas e culturas máis desfavorecidas, merecedoras todas do mesmo respecto, do mesmo amparo e de idénticas garantías de futuro". Felicitounos por "alentadr o principio de que a diversidade lingüística e cultural é a todas vistas un tesouro, posto que a expresión da nosa realidade é plural.

Finalmente, referiuse á celebración o 17 de maio do Día das Letras Galegas e recordou que "resulta indispensable o apoio por parte das administracións públicas na recuperación e o fomento dunha lingua minorizada ou discriminada, pero non debemos obviar que unha normalización plena pasa polo emprego diario de mans dos seus falantes e polo impulso de iniciativas privadas como as vosas". "Os que estades hoxe aquí andades no camiño de facer que as vosas respectivas linguas duren, como dixo un dos nosos queridos escritores, Álvaro Cunqueiro, mil primaveras máis", concluíu.

Este encontro da Asociación Europea de Xornais en Linguas Minoritarias e Rexionais (Midas), ten carácter anual. Nesta ocasión é o xornal compostelán Galicia Hoxe o encargado de organizalo.

Midas xurdiu en 2001 a proposta dos directores de máis de dez comunidades lingüísticas de Europa para coordinar diversas actividades promocionais das linguas minoritarias e dos seus medios impresos. Na actualidade, 31 periódicos forman parte desta organización e ofrecen información a máis de 45 millóns de persoas que na Unión Europea falan unha lingua distinta á oficial nos seus países.

Compartir: