CULTURA

Preséntase "Os peregrinos invisíbeis", primeiro disco dos sete que conforman a colección Órganos de Compostela

16/05/2008 O Pazo de Raxoi acolleu a presentación do primeiro disco da colección Órganos de Compostela, que vai incluír un total de sete obras, unha por cada órgano histórico da cidade. Os peregrinos invisíbeis foi gravado no órgano da Igrexa da Universidade e interpretado polo francés Bruno Forst.

Na presentación de Os peregrinos invisíbeis estiveron presentes o organista Bruno Forst, solista do disco, e o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, que salientou o "carácter innovador do proxecto", que pretende sacar adiante un total de sete traballos que correspondan a cada un dos órganos históricos da cidade. Ademais, a colección Órganos de Compostela supón "unha posta en valor do noso patrimonio histórico artístico, tanto no plano inmaterial -o propiamente musical-, coma no material -os órganos históricos conservados-", lembrou.

Néstor Rego anunciou que o segundo volume da colección, interpretado co órgano da Igrexa das Ánimas, xa se atopa en proceso de gravación e sairá á rúa en pouco tempo. O terceiro, vai estar dedicado á Igrexa de San Paio de Antealtares, e sairá antes de finais de 2008.

Traballos temáticos
Pola súa banda, o organista Bruno Forst, intérprete solista de Os peregrinos invisíbeis, destacou que "cada disco leva consigo un tema, que vai en relación coa igrexa na que sexa gravado". No caso deste primeiro volume, o que se pretendeu foi subliñar o caracter "universal da cidade, lugar de encontro de viaxantes de distintas orixes". Daquela, os peregrinos invisíbeis son "aqueles músicos que nunha visitaron Compostela, mais viven nela a través da música do órgano". Para darlle coherencia a esta base, Forst escolmou obras de compositores de multitude de países europeos e mesmo un tema mexicano.

Asemade, o organista francés contou coa colaboración do Taller de Música Antiga do Orfeón Terra a Nosa, dirixido por Miro Moreira, que ofrece acompañamentos vogais ao órgano nalgunhas pasaxes do disco.

Compartir: