ALCALDÍA

O Concello prevé construír tres novas escolas municipais

16/05/2008 Despois de visitar a Escola Municipal de San Roque, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que, aberta esta e as do Polígono do Tambre e da praza da Constitución, o Concello ten prevista a construción de tres novas escolas municipais. Estas situaríanse no Castiñeiriño, en Santa Marta e na parte norte da cidade.

Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, visitou a nova Escola Infantil Municipal de San Roque, xa lista para que poida comezar a funcionar en setembro. Por isto, o Concello poraa de inmediato a disposición da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para abrir o prazo de matrícula e dotala de mobiliario. Esta escola únese ás xa existentes en Conxo e Fontiñas e precede ás que posteriormente se abrirán no Polígono do Tambre, posiblemente en xaneiro de 2009, e na praza da Constitución. E coas outras tres anunciadas polo alcalde, serían oito as escolas infantís do municipio.

A Escola Infantil de San Roque, integrada na rede de Galescolas, contará con 61 prazas para nenos entre 0 e 3 anos (40 para nenos e nenas de 2 a 3 anos; 13 para os que teñan de 1 a 2 anos; e 8 prazas para os menores de 1 ano). Estas prazas son a xornada completa, polo que a capacidade da escola incrementarase dependendo do número de demandas existentes a tempo parcial.

Está situada nunha parcela de 650 metros cadrados, situada entre a rúa das Rodas e a rúa Valle-Inclán, no borde oeste do parque de San Roque, que se verá a través de grandes cristaleiras desde a escola, o que a converte nun espazo moi agradable. Conta cunha superficie total útil de 480 metros cadrados e dispoñerá de 3 corpos organizados como tres bloques de actividades, dúas plantas e un patio exterior de xogos.

Na planta baixa estarán a zona principal, as aulas, o comedor, a cociña e a administración, así como un patio exterior comunicado con todas as aulas e co corredor que divide a zona da cociña coa zona docente. Consta dun espazo axardinado dotado con elementos de aprendizaxe e de xogo. No primeiro piso haberá dous despachos, unha sala para profesorado e un vestiario.

O proxecto é obra dos arquitectos Juan Manuel Coira e Xosé Manuel Couceiro. A construción da Escola contou cun orzamento de 490.541 euros e financiouse conxuntamente con fondos do Concello de Santiago de Compostela, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e do FEDER (Programa Operativo Local).

Compartir: