ORZAMENTOS

Os orzamentos de 2008 incrementan a capacidade de investimento ata os 30 millóns de euros

16/05/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o tenente de alcalde, Néstor Rego; e o concelleiro de Facenda e Orzamentos, Andrés Fariña, presentaron o acordo de orzamentos para 2008. A cifra final de gasto sitúase nos 115.714.451 euros, unha cifra semellante á de 2007, pero cunha maior capacidade de investimento grazas ao saneamento das contas municipais.

Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción por uns orzamentos que, "nun escenario mellor que o previsto inicialmente" reflicten un incremento do 1% no capítulo de ingresos e un 5% no de gastos. Sobre este último punto, o concelleiro de Facenda indicou que "non hai máis gasto, pero si maior capacidade de investimento, fundamentalmente grazas ao resultado do plan de saneamento". Así, cómpre lembrar que dos 4,5 millóns que anteriormente se reservaban para pagar a débeda, esta cantidade pasou a 330.714 euros.

Entre gastos propios e transferencias supéranse os 29 millóns de euros. Sobre os investimentos, o alcalde indicou que se estableceron tres prioridades nos orzamentos: rematar as obras comprometidas (Centro de Interpretación Ambiental de Belvís, Casa das Asociacións, Parque de Bombeiros…); cumprir coas obras vinculadas a convenios con outras Administracións (Plan de Travesías ou saneamento) e afrontar as novas actuacións.

Tamén o tenente de alcalde, Néstor Rego, valorou esta capacidade de investimento, "que moi poucos concellos da mesma dimensión poden dicir que teñen", e todo isto nun contexto económico de recesión. Deste xeito, indicou, "permítese dar cumprimento a proxectos comprometidos e iniciar outros novos".

Gastos correntes por 86 millóns de euros
En canto ao gasto corrente, sitúase nos 86 millóns de euros. Neste grupo inclúense tanto os gastos de persoal (31,9 millóns) como os de bens correntes e servizos (33,4 millóns) e as transferencias derivadas dos compromisos do Concello con entidades sociais (9,8 millóns).

O alcalde destacou o incremento do orzamento en servizos como parques e xardíns, as galescolas ou a vixilancia dos centros escolares, entre outros. "Ao final puidemos asumir o incremento destes sen minorar os outros servizos afectados", destacou.

Segundo a previsión do Goberno municipal, os orzamentos irán á unha Xunta de Goberno extraordinaria na semana do 26 ao 29. Despois do período de exposición pública e de pasar pola Comisión de Facenda, irán a Pleno, co obxectivo de que na segunda metade de xuño puideran entrar en vigor.

Compartir: