DEPORTES

O Camiño une Santiago e Barcelona nun proxecto solidario

15/05/2008 A atleta Alexandra Panayotou chegará o venres 16 a Santiago despois de percorrer en 21 días 1.200 quilómetros entre Barcelona e a nosa cidade. Cumprirá así un dos retos máis importantes do proxecto Pole Runner 2008, co obxectivo de recadar fondos para o proxecto disCAPACITADOS Expedición Polo Sur, do que a atleta é directora deportiva.

En canto chegue á praza do Obradoiro, en torno ás 17:00 horas, a corredora será recibida polo concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, acompañada polo concelleiro de Deportes de Barcelona, Pere Alcover. Ambos felicitarán a Alexandar Panayotou por alcanzar este novo reto, cuxo obxectivo é axudar ás persoas discapacitadas na súa integración social en igualdade.

O proxecto disCAPACITADOS Expedición Polo Sur é unha aventura deportiva, social e científica, na que un grupo de deportistas discapacitados e non discapacitados levará a cabo a primeira expedición ao Polo Sur xeográfico, sen ningún tipo de axuda externa. O obxectivo deste reto é demostrar a capacidade dos discapacitados e deste xeito animar a mozos discapacitados de todo o mundo a descubrir que todo é posible e que non hai límites para o espírito humano.

Este proxecto conta coa colaboración da Fundación Deporte, Cultura e Integración Social, e co apoio do Comité Paralímpico Europeo, da ONCE e do Consello Superior de Investigacións Científicas, entre outras entidades. Cos cartos recadados, ademais de financiar esta expedición ao Polo Sur, preténdese axudar a entidades que traballan na integración dos discapacitados a través do deporte.

Para cumprir con este obxectivo, Alexandra ten previsto correr en diferentes probas do calendario internacional. A primeira proba celebrouse en febreiro en Barcelona e nela percorreu durante 24 horas seguidas un total de 165 quilómetros no estadio Serrahima. Despois da proba de Santiago realizará dúas probas máis, finalizando coas 24 horas en pista que organiza anualmente TV3 con motivo da súa Maratón Televisiva.

Compartir: