TURISMO

Nace "Santiago de Compostela. Your Way 2008", unha guía para turistas potenciais

15/05/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a publicación Santiago de Compostela. Your Way 2008, a guía oficial anual da cidade, editada por Turismo de Santiago.

A idea parte da necesidade de resumir nunha soa publicación toda a información que se emite ao longo do ano en diversos soportes, coma folletos turísticos, a web www.santiagoturismo.com e os doce números da revista de cultura e lecer Cultural, que edita Turismo de Santiago co apoio do Consorcio.

Segundo Iglesias, esta guía é un novo instrumento de comunicación para enviar aos turistas potenciais nos seus puntos de orixe e impulsar definitivamente a súa viaxe a Compostela. Non se dirixe ao público das oficinas de turismo en Santiago, senón a ese usuario final e individual que demanda información dende a súa cidade.

Your Way 2008 contén información básica para organizar a viaxe a Santiago, presentada de forma breve, directa e manexable: como chegar, listaxe de aloxamentos, rutas por toda a cidade, oferta de vistas guiadas e excursións, museos, exposicións e galerías, restaurantes e cafeterías, compras e todos os demais servizos turísticos. Tamén inclúe un calendario dos principais eventos culturais de 2008.

Un Santiago para cada público
Outra novidade é que a información preséntase segmentada para os distintos tipos de públicos considerados prioritarios, para que cada un poida facerse coa cidade ao seu aire: peregrinos e viaxeiros relixiosos, estudantes de español e, moi especialmente, familias que viaxan con nenos.

En definitiva, beneficiaranse deste útil compendio tanto os turistas potenciais que solicitan a Turismo de Santiago información dende a súa cidade de orixe, como o público xeral das feiras éos xornalistas de viaxes que precisan ter unha idea clara do que esta cidade pode ofrecer aos seus lectores. A publicación tamén pode descargarse en formato PDF da páxina web de Turismo de Santiago, www.santiagoturismo.com. Tiraranse 5.000 exemplares en galego, castelán e inglés.

Compartir: