ALCALDÍA

Os alcaldes de Compostela e Barcelona acordan unir esforzos para a Expo Shanghai 2010

14/05/2008 Nunha xuntanza mantida no Concello de Barcelona, os alcaldes de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, e da Cidade Condal, Jordi Hereu, acordaron unir esforzos para estar presentes na Expo Shanghai 2010. Neste evento internacional estarán ambas cidades, xunto con Madrid, Bilbao e Zaragoza, en representación de España.

Sánchez Bugallo asinou no libro de honra do Concello e realizou unha visita ao Palau de San Jaume, guiado polo mandatario barcelonés, antes de proceder á reunión de traballo xunto con técnicos de ambos concellos que na actualidade traballan nos proxectos das dúas cidades.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio de Santiago amosou o proxecto inicial co que a cidade vai estar presente na mostra internacional chinesa. Jordi Hereu, pola súa banda, explicou as liñas xerais coas que Barcelona pensa participar. Ambos estiveron de acordo na necesidade de traballar nun mesmo sentido para unir esforzos e aproveitar os recursos das cinco cidades, así como os que proveñan das Comunidades Autónomas e do Goberno central.

As intencións de ambos mandatarios reforzan as ideas saídas da xuntanza das cinco cidades, o día 6 de maio en Bilbao, cos representantes da Sociedade Estatal de Exposicións Internacionais, SEEI, que ten ao seu cargo a realización do pavillón español en Shanghai, onde foron estudiadas as posibilidades de rendibilizar esta participación en materia turística, industrial, comercial e cultural, entre outras, nun mercado coma o chinés de ampla repercusión mundial emerxente.

No repaso dos datos existentes chama poderosamente a atención a previsión que as autoridades chinesas barallan duns oitenta millóns de visitantes nos seis meses de exposición, á que xa amosaron o seu interese de participar cento noventa e sete países e organismos internacionais.

Tamén subliñaron a importancia de que sexa a primeira vez na historia das Exposicións Universais que dan a oportunidade de participar ás cidades con identidade propia á marxe do país ao que pertencen.

Compartir: