PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica organiza dúas conferencias destinadas a empresarios

13/05/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo organiza, o 14 e o 15 de maio, dúas conferencias enmarcadas na Rede de Cooperación Local, que teñen como obxectivos potenciar o intercambio de relacións entre as empresas de Santiago e achegarlles, de primeira man, as liñas de actuación da Xunta de Galicia en desenvolvemento empresarial. As charlas, gratuítas e abertas ao público, celebraranse na sede da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, ubicada na Vía Edison, número 1.

A primeira conferencia será impartida por Antonio González Seoane, coordinador de Sistemas e dos Portais da Internacionalización By Galicia e Galicia PMS da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Terá lugar o 14 de maio ás 20:30 horas na sede da AEPIT e permitiralle aos empresarios chegarse ás axudas e servizos que a Consellería de Industria ofrece ás empresas galegas.

Na segunda xornada presentarase ante a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Em-Rede, a Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca, unha asociación recentemente constituída e que está composta por empresas nacidas a partires do programa Equal Compostela Social. A presentación correrá a cargo da voceira da asociación, Eva López Fernández. Tamén permitirá coñecer da man de Miguel García Rei, director da Oficina de Caixa Galicia do Polígono Industrial do Tambre, os produtos que esta entidade oferta á empresa. Esta conferencia terá lugar o 15 de maio ás 20:30 horas, tamén na sede da AEPIT.

A Rede de Cooperación Local (RCL), posta en marcha no ano 2004, ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre o mundo empresarial, as institucións e a Universidade de Santiago. Cofinanciada pola Fundación Caixa Galicia, coa RCL colaboran, ademais, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre e a USC.

Compartir: