CULTURA

O II Ciclo "Revelando Voces" continúa con dous novos concertos nos CSC do Castiñeiriño e da Trisca

13/05/2008 O II Ciclo Revelando Voces continúa con dous novos concertos. O mércores 14, no CSC do Castiñeiriño, tempo para gozar coa música de S.A.R. (Sistema Acústico de Ruído), e o xoves 15, no CSC da Trisca, coa de Héctor Lorenzo.

Esta segunda edición do ciclo, que organiza a Concellaría de Cultura, péchase no mes de maio, pero ata daquela aínda quedan varios concertos máis nos centros socioculturais da cidade, sempre ás 21:00 horas e de entrada libre.

Con esta iniciativa, Cultura pretende proporcionar un espazo aos novos cantautores para achegalos ao público e dalos a coñecer. Nesta segunda edición de Revelando Voces, son oito as agrupacións que están de xira por Compostela, cada unha con varios concertos programados.

O lugar elixido para esta particular posta de longo da música urbana galega son os centros socioculturais de Compostela, que se converten por segundo ano consecutivo no punto de reunión para todos aqueles que buscan coñecer qué se está a facer na nova escena musical galega e cales son as apostas de futuro ás que haberá que prestar atención.

No que queda deste mes de maio están previstas tamén as seguintes actuacións: Miguel Alonso, o mércores 21 de maio no CSCl de Conxo; O Leo i Arremecághona!!!, o xoves 22 de maio no CSC do Castiñeiriño; Détour, o mércores 28 de maio no CSC de San Pedro; e Ataque Escampe, o xoves 29 de maio no CSC de Vite.

Compartir: