EMPREGO

A Bolsa de Emprego de Promoción Económica ten na sua base de datos 1.630 persoas

12/05/2008 A Bolsa de Emprego que xestiona a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo ten na súa base de datos 1.630 persoas inscritas. O 68% son mulleres e o 32% homes. No que vai de 2008, o servizo recibiu 187 novas solicitudes. Destas persoas, 129 son mulleres, o que representa o 69,4% do total; e 57 homes, o 30,6%.

A distribución das 186 solicitudes presentadas en 2008 segundo a formación académica sitúa, en primeiro lugar, aos titulados universitarios (diplomados e licenciados), con 69 inscritos (54 mulleres e 15 homes). Representan o 37% dos usuarios. En segundo lugar están as persoas con estudos primarios, un total de 49 (25 mulleres e 24 homes), o 26,3%.

A 50% das persoas inscritas en 2008 na Bolsa de Emprego, un total de 93, teñen entre 25 e 34 anos. A continuación atópanse as franxas de idade que van dos 35 aos 44 anos, con 51 demadantes, un 27,4%; e dos 45 aos 54 anos, con 22, o 11,8% do total.

O sector de emprego máis demandado polos inscritos en 2008 na Bolsa de Emprego é o Sector Servizos. Preséntaronse 140 demandas para este sector, o 75,3% do total. Destas, 120, o 85,7%, foron realizadas por mulleres, e 20, o 14,3%, por homes. Os outros dous sectores demandados son Industria, con 27 solicitudes, e Construción, con 19.

A Bolsa de Emprego concíbese coma un espacio integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral cas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes. Un equipo de técnicos expertos en orientación-inserción profesional realiza unha entrevista a cada un das persoas usuarias para elaborar a diagnose do proxecto profesional. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

Todas as demandas de emprego introdúcense nun aplicativo informático, a Plataforma de Intermediación Laboral, que ten como obxectivo mellorar a prestación do servizo. Na base de datos da Plataforma están introducidos os 1.630 expedientes de persoas demandantes de emprego ou que buscan mellorar as súas perspectivas laborais. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas laborais ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respeta sempre a confidencialidade dos usuarios.

Compartir: