CULTURA

Laurie Anderson presenta o seu espectáculo "Homeland" en Sons da Diversidade

12/05/2008 O venres 16 de maio continúa o ciclo Sons da Diversidade. Laurie Anderson, polifacética artista de vangarda, e recoñecida como cantante, música, poeta, escultora, fotógrafa, académica, escritora e entusiasta da tecnoloxía punta, estará ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia.

Chegada dos Estados Unidos, é creadora de partituras para cine, teatro e danza, e explota ademais outros ramos da arte como a fotografía, a poesía e a arte visual. A discografía de Anderson suma gravacións como Big Science (1982), onde aparece o seu exitoso "O superman", que alcanzou o número dous nas listas de pop británicas; Mister Heartbreak (19984); a banda sonora da súa película Home of the Brave (1986); Strange Angels (1989); Bright Red (1994); The Ugly One with the Jewels (1995), e Life on a String (2001), por mencionar algúns. Nos seus discos teñen colaborado, entre outros: Peter Gabriel, Brian Eno, Jean Michel Jarre ou Lou Reed, líder da banda The Velvet Underground e parella sentimental da artista.

Caracterizada por un espírito visionario, plasma as súas inquietudes na montaxe e realización de distintos espectáculos multimedia, cos que mereceu o título dunha das artistas de performance máis influíntes na escena contemporánea. Coñecida como a "sacerdotisa da arte radical", non deixa de sorprender coa súa peculiar forma de entender a creatividade artística de vangarda, nun constante fluxo narrativo que lle transmite á audiencia historias reais e imaxinarias, como a vida mesma, inmersas nunha voráxine tecnolóxica que hoxe en día se ten convertido nun universo novo e cambiante onde múltiplos camiños se abren á artista e ao público en xeral.

A compositora e cantante ofrecerá en Compostela o seu espectáculo Homeland, un híbrido entre poema, obra e concerto, no que utiliza a linguaxe da electrónica e a sensualidade da poesía para dar a súa visión da América do Norte do século XXI. Trata temas como a obsesión americana coa seguranza, a distancia, a información, a relación entre o medo e a liberdade, a crecente aceptación da violencia e a nova linguaxe da guerra.

Unha programación de calidade
Logo de Laurie Anderson, o concerto de Rufus Wainwright pechará a programación do primeiro semestre de Sons da Diversidade, o 1 de xuño. Ademais destes dous artistas, este primeiro semestre trouxo ao Auditorio de Galicia a Moving Hearts, Ute Lemper, Uxía e Tom Zé. Todos eles artistas que non fan máis que consolidar un ciclo que é xa un referente do mundo cultural do noso país e incluso máis alá.

Compartir: