NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Centos de rapaces percorreron a zona monumental noutra edición de Correlingua

12/05/2008 As rúas de Santiago acolleron unha nova edición de Correlingua. Baixo o lema "En galego cabe todo", centos de rapaces percorreron a zona monumental para chegar ata a praza do Obradoiro, onde se celebrou unha concorrida festa final.

Entre os que se quixeron unir a esta proposta lúdico-educativa, o propio alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, ou a concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, presentes na saída da carreira na praza do Obradoiro. Así, con todos os rapaces, reivindicaron o dereito a empregar o idioma galego.

Ao remate do percorrido polas rúas compostelás, os rapaces volveron ao Obradoiro, onde os agardaba unha festa, con diversas actuacións musicais, coa actuación do grupo teatral Chévere e coa lectura do manifesto en prol da lingua galega.

"En galego cabe todo" foi o lema escollido para a presente edición, facendo referencia á capacidade das memorias dos Mp3 e I-pods, onde todo o que se faga en galego ten cabida e, por tanto, trasladando que na nosa vida diaria, en todas as nosas actividades o noso idioma pode estar presente.

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega–Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo.

Manifesto en prol do galego
Tamén o luns 12 de maio, a Xunta de Goberno aprobou o apoio municipal ao manifesto "Polo dereito a vivirmos en galego", promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística. Esta declaración apunta que "o pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade". Por isto, demándanse garantías "para podermos vivir en galego, o que esixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas".

O manifesto chama "ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós".

Compartir: