ALCALDÍA

O Concello impulsa dúas liñas de telecabinas para unir a Cidade da Cultura coa estación do AVE e co casco histórico

10/05/2008 O alcalde compostelán, presentou a proposta municipal para por en marcha dúas liñas de telecabinas aéreas que unirían a Cidade da Cultura coa futura estación intermodal do AVE e coa cidade histórica, respectivamente. Trátase, en palabras de Xosé A. Sánchez Bugallo, dunha infraestrutura de transporte "que garantirá o éxito da Cidade da Cutura e que será un proxecto de referencia do Santiago do século XXI".

Estudadas as posibilidades de conexión entre o complexo do Gaiás e a cidade, concluíuse que o sistema de telecabinas aéreas é "o máis rápido, o máis curto e o de maior capacidade para transportar viaxeiros", resaltou Bugallo. Así, estas telecabinas poderían mover ata 2.000 viaxeiros á hora, nun percorrido que estaría entre os cinco e os sete minutos no caso da conexión con Belvís, e menos aínda no traxecto ata a estación do AVE.

O rexedor compostelán indicou que este aínda non é un tema pechado, pois malia ser viables tecnicamente en ambas liñas, queda por determinar a viabilidade patrimonial da conexión entre a Cidade da Cultura e o parque de Belvís. Por iso, durante o mes de maio, técnicos do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), dependente da UNESCO, estarán en Santiago para analizar esta proposta e, recibido o seu informe e realizados os axustes necesarios, "elevaranse a definitivas as conclusións", dixo. En calquera caso, apuntou Sánchez Bugallo, o deseño destas dúas liñas realizouse buscando "o equilibro entre o impacto visual e as necesidades de conexión da Cidade da Cultura coa cidade".

De recibir o visto bo, a intención do Goberno municipal é que a liña de telecabinas entre Belvís e o Monte Gaiás puidera estar funcionando a partir do 2010. No caso da conexión coa estación do AVE, a previsión é ter rematada a liña en 2012, en concordanza cos prazos marcados para este edificio intermodal.

En canto ao financiamento, o alcalde afirmou que "non é un custo económico enorme,". Ademais, indicou que "xa hai socios privados dispostos a incorporarse asumindo parte do financiamento, en torno a un 50%". O resto sería asumido entre Estado, Xunta e Concello.

Solución silenciosa, eléctrica e de baixo consumo
O estudo encargado polo Consorcio de Santiago, indica que a telecabina é un sistema de transporte desmontable, silencioso, eléctrico e de baixo consumo. A velocidade e a frecuencia son regulables.

No caso da conexión con Belvís, o trazado permitiría que as cabinas saísen en ambos sentidos cada 14 segundos, permitindo transportar en cada un dos sentidos a 2.000 persoas por hora. Co fin de atenuar a afección patrimonial, proponse una circulación practicamente rasante no tramo do parque, aproximando a telecabina case a un transporte eléctrico en superficie. Tan só ao final do parque , próximo xa o cambio de rasante cara as brañas de Sar sobre o periférico e a liña ferroviaria, gañaríase cota.

Compartir: