ALCALDÍA

Santiago e Assisi estreitan lazos cun irmandamento

08/05/2008 Santiago e Assisi crearán o Cammino di San Francesco, colaborarán en programas de rehabilitación e promoción cultural e tentarán promover voos Santiago-Assisi.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo e o seu homólogo en Assisi, Claudio Ricci formalizaron o irmandamento entre ambas poboacións. A cerimonia tivo lugar na Sala della Conciliazione do Palazzo Municipale de Assisi e contou coa presenza da delegación municipal que acompaña ao alcalde, composta pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; a portavoz do grupo socialista, Marta Álvarez-Santullano; a concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Elvira Cienfuegos; e o popular, Jesús Gamallo. Por parte italiana estiveron presentes os sete asesores municipais do goberno da cidade; o embaixador español en Italia, Luis Calvo Merino; catro parlamentarios da recentemente electa cámara italiana; e autoridades eclesiásticas da Orde Franciscana.

No seu discurso, o alcalde compostelán falou das realidades que vinculan a Santiago e Assisi, que "teñen en común a posesión de ricos patrimonios naturais, arquitectónicos e arqueolóxicos, e que son ambas importantes focos de peregrinación e atracción turística". Sánchez Bugallo engadiu que as dúas vilas están unidas tamén pola "vinculación ao culto de Santiago Apóstolo a través da peregrinación de fieis, en boa parte mozos, a través da ruta xacobea". A respecto disto, lembrou que o propio San Francisco peregrinou a Santiago no 1214 comezando así un lazo que agora se vai promover como unha ruta que levará o nome Cammino di San Francesco e que unirá en ambos sentidos as dúas cidades.

O alcalde de Santiago falou tamén da vinculación de Santiago coa orde franciscana, onde contamos cos conventos de San Francisco e Santa Clara, e recordou así mesmo o feito de que o Ministro Xeral da Orde Franciscana dos Frailes Menores, o Pai José Carballo, sexa precisamente un galego pertencente á provincia franciscana de Santiago, que comprende o ámbito territorial de Galicia, Asturias, as provincias de León, Zamora, Salamanca e Palencia, a "custodia" de Venezuela e a "delegación" de Tánxer en Marrocos.

Pola súa parte, o alcalde de Assisi, Claudio Ricci, fixo referencia ao Camiño de Santiago atribuíndolle "a fundación da identidade cultural, el humanismo e o desenvolvemento socioeconómico de Europa. Tamén expresou o seu desexo de que co irmandamento "poidan xurdir proxectos a nivel europeo que contribúan a promover os valores das dúas cidades e o camiño como xesto de diálogo intercultural".

Tralos saúdos dos dous mandatarios, falaron tamén o promotor deste irmandamento, o director da Cátedra de Estudios Xacobeos da Universidade de Perugia (cidade próxima a Assisi), Paolo Caucci; e o embaixador español en Italia, Luis Calvo Merino, quen afirmou estar seguro de que "esta unión non se quedará so nun acto protocolario, porque as dúas cidades están unidas por fortes lazos e comparten perspectivas en moitos ámbitos, o que crea unha situación moi propicia colaborar e compartir iniciativas e proxectos".

Os himnos de Assisi e do Antigo Reino de Galicia soaron ao comezo e ao final da cerimonia que se pechou cunha homenaxe musical a cargo do Coro Cantori de Assisi. O irmandamento completouse a primeira hora da tarde cunha cerimonia de intercambio de bandeiras na Piazza del Comune, diante do Palazzo Comunale da vila (casa do concello de Assisi), donde unha representación da Asociación do Traxe Galego, que viaxou coa delegación santiaguesa, fixo unha demostración de danza e música tradicional galega.

Conexión aérea Assisi-Santiago
Na práctica, a sinatura deste irmandamento, que será ratificado en xullo en Santiago, supón o compromiso por parte das dúas cidades a activar programas de mutua posta en valor e a desenvolver accións que podan beneficiar a ámbalas dúas poboacións nos eidos cultural, económico e turístico, tanto a nivel nacional como internacional.

Neste sentido, intercambiaranse prácticas no ámbito da rehabilitación e tentarase chegar a un acordo para que unha aeroliña desenvolva voos puntuais entre Santiago e Assisi. Por último está previsto que Compostela acolla no 2009 o segundo Encontro Europeo Franciscano, que o verán pasado se celebrou por primeira vez en Assisi.

Compartir: