MOBILIDADE E EDUCACIÓN

O Concello únese por segundo ano a unha campaña para promover o uso das cadeiras infantís nos vehículos

07/05/2008 Por segundo ano consecutivo, o Concello de Santiago, en colaboración co Real Automóbil Club de España (RACE), a Comisión Europea e o Centro de Investigación e Documentación Educativa (CIDE) do Ministerio de Educación e Ciencia, presentan a campaña "Aprende a ir suxeito no coche con Pillo o Armadillo". O seu obxectivo é concienciar aos nenos e nenas sobre a importancia de ir correctamente suxeitos no vehículo por medio de cadeiras de seguridade.

A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, e o coordinador nacional de Educación Vial do RACE, Juan Antonio Sánchez Trillo, presentaron a campaña, grazas á cal se repartirán máis de 2.500 bonecos con formas de armadillo e cadernos de actividades nos colexios. Cos mesmos preténdese chamar a atención sobre a necesidade de protexer aos rapaces cun sistema de retención ata que teñan 1,50 metros de altura, segundo a recomendación do RACE.

O concepto da campaña xurdiu en Holanda, e basease nun animal, o armadillo, para establecer un símil entre o concepto de protección que lle ofrece a cuncha ao animal e a protección que lle ofrece a cadeira ao neno. Así, dunha maneira doada e divertida, os máis pequenos comprenden o concepto de seguridade. Tamén se habilitou unha páxina web dirixida a nenos e adultos: www.noseaspillo.com, na que se pode encontrar toda a información necesaria sobre a campaña e os sistemas de protección infantil para os vehículos.

A mellor protección
Os sistemas de retención infantil son a mellor protección para os nenos e as nenas cando viaxan no interior dun vehículo. O seu uso reduce nun 75% as lesións en caso de sinistro, evitando o seu impacto contra outros ocupantes e elementos do vehículo.

Nos asentos dianteiros e traseiros, os menores de doce anos cunha estatura inferior a 135 centímetros, deberán utilizar sempre cadeiras de seguridade adaptadas. A sanción por non levar o sistema de retención pode acadar os 300 euros e a retirada de tres puntos do permiso de condución.

Sobre a utilización do dos sistemas de retención infantil (SRI), Álvarez-Santullano destacou o dato de que, nos últimos controis realizados pola Policía Local, este foi o único campo no que se detectou un 100% de cumprimento da norma. Pola súa parte, Sánchez Trillo tamén se referiu á cada vez maior concienciación respecto a este tema, onde a utilización dos SRI está en torno a un 70%. Como dato, nos controis realizados pola Dirección Xeral de Tráfico en marzo detectáronse 282 casos de non emprego destes sistemas.

Instalación
Cómpre asegurarse de que a cadeira quede firmemente suxeita ao asento do vehículo, de modo que se elimine calquera movemento. Por isto, é esencial consultar as advertencias e instrucións de instalación tanto do manual do propietario do vehículo como do sistema de retención infantil. Un sistema de retención infantil, nunca debe colocarse diante dun airbag frontal de pasaxeiro, a non ser que este sexa previamente desconectado.

Compartir: