EMPREGO

O 57% dos usuarios do Proxecto Crear IV está a traballar

06/05/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os resultados do Proxecto Crear IV, que comezou en xuño do 2007 e rematou o 30 de abril do 2008. 114 dos 200 usuarios do programa están traballando neste momento, o que representa un 57% do total de participantes.

Das persoas inseridas laboralmente, 70 son mulleres e 44 homes. Esta cifra supera en 17 puntos o obxectivo de 80 insercións laborais, o 40%, fixado pola Xunta de Galicia para o Crear IV. Tamén supera a porcentaxe de insercións respecto do Proxecto Crear III. Na anterior edición acadouse un 56% de insercións, ao acceder ao mercado de traballo 56 dos 100 participantes.

Para acadar esta porcentaxe de insercións a Concellaría xestionou un total de 203 ofertas de emprego. Esta xestión vén precedida dunha investigación de mercado para a captación das ofertas que deu como resultado 127 empresas fidelizadas, é dicir, que colaboran activamente co programa. Neste proceso contactouse con 603 empresas para solicitar información sobre a súa actividade e explicarlles os obxectivos e funcionamento do Crear. A continuación, visitáronse as 142 firmas que amosaron un maior interese no proxecto co obxectivo de fidelizalas.

O obxectivo do Proxecto Crear é que é que accedan ao mercado laboral persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción. Despois dun primeiro contacto, o persoal técnico do programa realizou entrevistas personalizadas, onde os usuarias foron perfilando o seu Plan Persoal de Inserción. Unha vez concretado este, nunha segunda etapa desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. En total, a través do Crear IV impartíronse 45 cursos, cun total de 878 horas lectivas, nos que participaron 226 persoas.

A terceira etapa é a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para os usuarias que carecen de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais. A cuarta e última fase do Proxecto Crear é a de seguimento das persoas que non conseguiron inserirse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

Boletín de ofertas e atención ao público
Para axudarlles neste obxectivo, o Proxecto Crear ofrécelle aos usuarios un boletín de ofertas de emprego, que se seleccionan de diversas fontes adecuándose aos perfís profesionais dos participantes. Dende outubro do 2007 ata o mes de abril de 2008 publicáranse 3.401 ofertas de emprego. 2.136 corresponden ao 2008.

Nas oficinas do Proxecto Crear, ubicadas na rúa Hórreo, 100, tamén se atende a un gran número de persoas que buscan información sobre emprego. No que vai de 2008, o Servizo de Atención ao Público do Proxecto Crear atendeu 3.872 consultas, 868 delas no mes de abril. 2.039 consultas foron de visitas recibidas nas oficinas (393 no mes de abril), e as outras 1.833 chamadas teléfonicas (475 no mes de abril) solicitando información.

Compartir: