CULTURA

A terceira edición do festival "Vía Stellae" traerá 48 concertos a Compostela

06/05/2008 O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e e concelleiro de Cultura, Néstor Rego a terceira edición do Vía Stellae, o Festival de Música de Compostela e os seus Camiños". Desenvolverase entre o 4 e o 23 de xullo.

O festival de música Vía Stellae acadou en anteriores edicións un notable recoñecemento entre o público e a prensa especializada e, cun orzamento de 1,2 millón de euros, este ano preséntase coa ollada posta no Xacobeo 2010, ano no que a Consellaría pretende duplicar a programación ofertada. O centro da programación desenvólvese en Santiago de Compostela, con 48 concertos ao longo de todo o mes, pero o Vía Stellae tamén espalla as súas actividades polas cidades e vilas galegas situadas nas oito rutas de peregrinación que conducen a Compostela. En toda Galicia serán 85 concertos, que servirán como punto de encontro para músicos de primeiro nivel internacional.

O Vía Stellae está a destacar no panorama estatal e europeo como un dos festivais que conta con intérpretes de máis alta categoría. En 2008, ademais de seguir contando con destacados directores como Marc Minkowski, John Elliot Gardiner, Rinaldo Alessandrini, Andrea Marcon ou Giovanni Antonini, o Vía Stellae incorpora novos nomes: Martín Gester, Philip Pickett, Federico María Sardelli ou Daniel Harding. Moitos deles ofrecen durante o festival concertos en exclusiva en España e tamén concertos preparados en exclusiva para o Vía Stellae.

O Festival acolle ademais, nesta súa terceira edición, a presentación mundial da nova agrupación inglesa Magdalena Consort, dirixida polo especialista Peter Harvey e que revisa a interpretación das obras de Bach; deste xeito, a formación ofrecerá o seu primeiro concerto en Santiago.

O Barroco –con epicentro en Bach e con outros compositores como Vivaldi ou Händel, de quen en 2009 se cumpren os 250 anos da súa morte e a quen se lle dedicará un programa especial– continúa a ser o eixe central do festival, pero a súa programación tamén se verá enriquecida con música contemporánea, antiga, do clasicismo ou do romanticismo.

Vía Stellae 20/21, a novidade
Ademais de continuar cos programas Concertos Express (breves sesións de 30 minutos de música en claustros de Compostela) e Música e Arte (concertos que inclúen visitas guiadas a espazos arquitectónicos singulares), esta edición o festival presenta unha novidade, o Vía Stellae 20/21, un ciclo de seis concertos dedicados á música destes séculos, á música contemporánea, aos clásicos do século XX, ás vangardas e aos creadores galegos actuais, que se desenvolverá totalmente na nosa cidade.

Autores como Bal y Gay, Paulino Pereiro ou unha xornada dedicada a Gaos, Quiroga e Juan Durán, son exemplos da presenza dos compositores galegos compartindo cartel cos clásicos internacionais. De igual xeito, o programa inclúe a participación dos intérpretes galegos como o pianista Nicasio Gradaílle, o saxofonista Pablo Coello ou os integrantes do recentemente fundado Ensemble s21.

Compartir: