MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente pon en marcha un programa de visitas á estación potabilizadora de Santiago

06/05/2008 A concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, presentou o programa de visitas guiadas á potabilizadora da cidade. Na presentación estivo acompañada de Ana Tejeiro, xerente da zona centro de Galicia da empresa Aquagest, encargada de xestionar a rede de abastecemento de Santiago.

A auga que se consume en Compostela procede do Río Tambre, mais antes de ser consumida hai que tratala, unha vez tratada a auga é subida a un depósito central para ser distribuída a outros depósitos secundarios e finalmente aos fogares. Este proceso de distribución é xestionado por Aquagest, que colabora na organización das visitas guiadas, actividade onde se poderá observar todo este proceso de potabilización.

Un obxectivo fundamental para a Concellaría do Medio Ambiente é aumentar a conciencia cidadán sobre o uso racional dos recursos naturais. As visitas á potabilizadora serán un complemento ao programa piloto "Fogares Verdes", que se está a desenvolver conxuntamente co INEGA e ADEGA.

A primeira visita será realizada o día 14 de maio, e na mesma participaran veciños e veciñas do barrio de Vite. Unha zona da cidade dende onde se poden observar os depósitos das Cancelas e na que tamén se sitúa o acueduto da Ponte Mantible que proporciona auga a varias fontes da cidade e que tivo grande importancia na historia do abastecemento da Compostela medieval.

Visitas abertas a toda a veciñanza
Ata o momento, as visitas á potabilizadora eran realizadas habitualmente por centros de ensino ou colectivos en formación. En palabras de Elvira Cienfuegos, "agora ábrese a oportunidade de que toda a veciñanza poda coñecer como funciona a potabilizadora situada en Chaian". Pola súa parte Ana Tejeiro explicou como se ía desenvolver esta primeira visita dos veciños de Vite e afirmou que "a finalidade das visitas será coñecer e valorar os procesos e controis analíticos que sofre a auga para que poda ser consumida con seguridade".

As visitas serán de caracter colectivo para grupos dun mínimo de 15 persoas e un máximo de 25 de luns a venres e poderanse solicitar no correo electrónico medioambiente@santiagodecompostela.gal

Compartir: