REHABILITACIÓN

Apróbase unha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación de elementos especiais de madeira

05/05/2008 O Goberno local deu o visto bo á convocatoria 2008 de axudas para a rehabilitación de elementos especiais de madeira dos inmobles da cidade histórica, concedidas polo Consorcio de Santiago. Esta entidade destinará 275.000 euros ao programa.

As bases para 2008 introducen algunhas novidades respecto da convocatoria de 2006, cuxas actuacións están a piques de ser rematadas. En concreto, amplíase o espectro de potenciais solicitantes, adáptase á Lei Xeral de Subvencións e optimízase o proceso de tramitación dos expedientes.

No caso dos requisitos para acceder ás axudas, elimínase a esixencia de que máis de 2/3 do inmoble estivese destinado a vivendas. Así, os usos subvencionables son agora: uso de vivenda, hostaleiro en categoría 2ª e comercial, oficinas en clase I ou industrial. Deste xeito preténdese primar a recuperación do elemento protexido sobre o uso do inmoble no que se localiza.

Estas subvencións pretenden fomentar a execución de obras de rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira, tales como galerías, fiestras, portas, etc. Na convocatoria de 2006 tramitáronse 47 expedientes, cunha subvención total de 255.000 euros.

Compartir: