TURISMO

Máis de 600 traballos inscritos xa no concurso internacional de "Curtocircuíto 2008"

05/05/2008 Presentouse o V Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago, Curtocircuíto. Esta edición nace coa intención de revalidar o éxito de participación e público de 2007, que converteron ao festival compostelán nun evento de referencia entre os que se celebran en España no seu ámbito.

Proba do éxito do certame é que, en só dúas semanas, máis de 600 traballos xa se inscribiron para participar no Concurso internacional de curtametraxes. Pero ademais deste concurso, Curtocircuíto chega cargado de novidades e da confirmación de seccións exitosas en anteriores edicións.

Entre as novidades destaca o incremento na contía dos premios e a creación dunha categoría para premiar as mellores curtas feitas no conxunto de España. Os prazos xa están abertos para participar o concurso internacional ata o 27 de xuño, e para formar parte do catálogo do III Mercado de Curtametraxes, ata o 24 de xullo.

Curtocircuíto convoca de novo o Concurso de guións para curtametraxes Compostela Plató, que ten como premio a produción do guión gañador. Este será rodado no verán en Santiago, co obxectivo de promocionar a cidade como escenario ideal para rodal calquera tipo de historia.

Outras das actividades será a proxección ao aire libre de Curtocircuíto na Rúa, os xoves de xullo e agosto, ata chegar á Semana Oficial do Festival, do 17 ao 24 de outubro. Esta amplía a súa duración a sete días, o que permitirá realizar unha oferta máis variada de actividades. Tamén se amplía a duración do III Mercado Internacional de Curtametraxes, que durante cinco xornadas será un punto de encontro de referencia para profesionais de todo o mundo.

Esta nova edición de Curtocircuíto presentouna o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias. Acompañouno o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, a cuxo departamento pasará en breve este certame. Tamén estiveron o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias; Caridad González Cerviño, da comisión de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico-Artístico da Deputación da Coruña; Manolo González, da Axencia Audiovisual Galega; Ana Salgado, da Fundación Caixa Galicia; e o director do Festival, Tim Redford.

Direcciones relacionadas



Compartir: