NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello promove o uso do galego entre os máis novos no mes das Letras

05/05/2008 A Concellería de Normalización Lingüística pon en marcha a campaña Maio das Letras, co obxectivo de promover o uso do galego entre os máis novos. Aprovéitase así o mes no que se celebra o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, este 2008 dedicado ao escritor, arqueólogo, investigador e editor Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985).

Esta campaña pon a disposición dos máis novos unha serie de actividades sociolingüísticas fóra do ámbito estritamente educativo. Preténdese ofrecer unha visión reflexiva e lúdica sobre a lingua, na busca dunha maior presenza do galego entre escolares e mozos de Santiago arredor da celebración das Letras Galegas.

A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, e a técnica do Departamento Marta Besada presentaron esta campaña, que comeza o luns 12 de maio coa celebración, un ano máis, de Correlingua, a carreira escolar pola lingua. Sairá ás 11:30 horas da praza do Obradoiro.

Están previstas ata catro representacións de monicreques para nenos e nenas de 4º a 6º de primaria os días 13, 14, 15 e 16 de maio. Os barballocas e os nenos é o título desta obra, que levará á Fundación Granell, no Pazo de Bendaña, a uns particulares monicreques salvadores da lingua galega. Nestas actuacións, ás 11:30 horas, entregarase un cofre didáctico a cada asistente como complemento formativo.

Tamén se prepararon outras catro representacións de teatro de contido sociolingüístico, coa obra Bicos con lingua. Asistirán alumnos de 3º de ESO en diante os días 13, 14, 15 e 16 de maio, con sesións ás 12:00 horas no Teatro Principal. E tras asistir ao teatro, os rapaces debaterán sobre o visto.

O sábado 17 celebrarase a xincana lingüística O xogo das letras na Cidade Histórica para nenos de 9 a 14 anos. A asistencia será libre, para calquera cativo que se achegue á praza do Toural ás 12.00 horas. E este mesmo día, para rematar coas actividades do Maio das Letras, unha festa con actuacións musicais e reparto de libros no parque das Galeras, a partir das 13:00 horas.

Ademais de todas estas actividades, está previsto o reparto de libros do homenaxeado no Día das Letras polas bibliotecas dos centros de ensino, varias charlas didácticas nos mesmos sobre Álvarez Blázquez e tamén o reparto de exemplares do documental A Historieta Galega. 1978-2008. Este filme será preestreado o martes 13, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: